Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 1 Abril 2026.

CCOO denuncia altos niveis de radon na Delegación de Tui da Axencia Tributaria e esixe o desaloxo inmediato

    CCOO denuncia altos niveis de radon na Delegación de Tui da Axencia Tributaria e esixe o desaloxo inmediato. As medicións deste gas, segundo o sindicato, superan amplamente os límites legais (300 Bq/m³) e as recomendacións da OMS (100 Bq/m³): rexistráronse máis de 800 Bq/m³ nas dúas plantas do edificio e máis de 2300 Bq/m³ no soto, o que supón un risco grave para a saúde laboral.

    30/09/2025.
    O gas radon é un axente canceríxeno | Imaxe de fondo: canva.com

    O gas radon é un axente canceríxeno | Imaxe de fondo: canva.com

    Ante esta situación, CCOO, xunto co resto da parte social, esixiu o desaloxo inmediato do persoal e a adopción de medidas correctoras urxentes que garantan condicións de traballo seguras e saudables.

    Este mércores, 1 de outubro, responsables de prevención de riscos laborais de Galicia e as delegadas e delegados de prevención desprazaranse á localidade para informar directamente o persoal afectado e avaliar sobre o terreo as actuacións necesarias.

    CCOO reitera que a actividade presencial debe quedar suspendida e substituída temporalmente polo teletraballo, ata que se acrediten condicións ambientais seguras e compatibles coa protección da saúde.

    O sindicato lembra que leva anos reclamando medicións de radon en todos os edificios da Axencia Tributaria en Galicia, pola súa estrutura construtiva e pola súa localización xeolóxica, factores que incrementan o risco de acumulación deste gas radioactivo. CCOO permanecerá vixiante e firme na defensa da saúde de todo o persoal.