Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Outubro 2025.

Paros e mobilizacións o 15 de outubro en solidariedade co pobo palestino

    O mércores, 15 de outubro, a clase traballadora galega leva ás rúas e aos centros de traballo a máis enérxica repulsa contra o crime que Israel está perpetrando contra o pobo palestino, especialmente en Gaza. Non é só “un masacre”, “unha salvaxada” ou “unha barbarie”. É un xenocidio! (*) 

    13/10/2025.
    STOP XENOCIDIO. 15 de outubro: xornada de loita en cada centro de traballo

    STOP XENOCIDIO. 15 de outubro: xornada de loita en cada centro de traballo

    En tempos onde parece que case nada importa, as palabras importan e non son inocentes. Por iso, é unha obriga moral para nós berrar alto e claro: BASTA XA DE XENOCIDIO CONTRA O POBO PALESTINO!

    Os dous anos de bombardeos inmisericordes de Israel sobre Gaza deixaron polo menos 70.000 mortos e case 200.000 feridos, boa parte nenas e nenos que deberían ser obxecto de especial protección, incluso nun contexto armado.

    Malia o horror que causan as cifras, temos que dicir que houbo máis vítimas que as humanas. A manipulación, a censura e a mentira camparon ás súas anchas. Israel tivo entre os seus obxectivos militares a verdade: impediu o acceso de prensa libre, incluso mediante a violencia. Reporteiros Sen Fronteiras denuncia máis de douscentos informadores asasinados en Gaza nestes dous anos.

    E esta é a que chaman “única democracia na rexión”? Que significado ten a democracia cando as persoas non poden informar, denunciar ou verificar o que acontece?

    O sindicalismo de clase galego e mundial non pode ollar cara a outro lado ante o drama que padece Palestina, porque incluso se están pondo en risco os nosos propios dereitos. Abonda con que vexamos a represión, incluso violenta, con que foron reprimidas algunhas expresións de protesta ao paso da Vuelta Ciclista a España. En moitos países europeos, directamente prohibiron as manifestacións públicas de apoio a Palestina, co caso máis extremo do Reino Unido, onde xa van máis de 500 persoas detidas tras a recente manfiestación en Londres.

    Unha vez máis é a clase traballadora a que se sitúa na vangarda dos seus gobernos. Mentres a xente estamos na rúa, onde están os dirixentes europeos? Onde está Europa mentres se perpetra un xenocidio a escasos 400 quilómetros da fronteira meridional da Unión?

    Ante un xenocidio non se pode responder con evasivas, nin con eufemismos. As institucións internacionais, incluída a Corte Penal Internacional e comisións independentes da ONU, apuntan en igual dirección.

    Por todo isto, pedimos:

    — Suspensión inmediata do Acordo de Asociación UE-Israel.

    — Prohibición de importacións provenientes dos asentamentos ilegais.

    — Canles seguras de axuda humanitaria para Gaza, fóra dos límites impostos por Israel.

    — Reforzamento substancial dos fondos para a Axencia das Nacións Unidas para as Persoas Refuxiadas.

    — Embargo efectivo das armas e suspensión de todos os acordos comerciais con Israel.

    — Non criminalizar as traballadoras e traballadores que se negan a colaborar no envío de armas.

    — Sancións efectivas aos responsables políticos e militares de Israel.

    — Suspensión de todos os acordos económicos, institucionais, científicos, culturais, deportivos ou doutra índole entre entidades galegas e israelís.

    Rematamos lembrando que a única vía posible e sostible para conseguir unha paz é que esta sexa xusta. Non hai paz sen xustiza. E non haberá xustiza mentres o pobo palestino non poida decidir sobre o seu propio futuro.

    BASTA XA DE XENOCIDIO!

    FIN Á OCUPACIÓN DE PALESTINA!

    VIVA PALESTINA LIBRE!

    (*) Extracto do manifesto elaborado por CCOO. Pódelo ler completo aquí.


    15 DE OUTUBRO: MOBILIZACIÓNS EN GALICIA

    Este 15 de outubro, CCOO e UGT convocamos paros de dúas horas en cada quenda de traballo como mostra de solidariedade co pobo palestino e para esixir a fin do xenocidio perpetrado polo Estado de Israel en Gaza.

    Os paros desenvolveranse en tres tramos:

    • De 02:00 a 04:00 horas, na quenda de noite.
    • De 10:00 a 12:00 horas, na quenda de mañá.
    • De 17:00 a 19:00 horas, na quenda de tarde.

    Ademais, durante esta xornada impulsaranse asembleas, concentracións ás portas dos centros de traballo e actos de protesta co obxectivo de darlle unha dimensión laboral á denuncia internacional do que está a acontecer en Palestina.

    Así mesmo, haberá mobilizacións nas cabeceiras de comarca:

    A Coruña. Concentración das 10:30 ás 11:30, diante da Torre de Hércules.

    Ferrol. Concentración das 10:00 ás 11:00, diante da porta de Navantia, e manifestación ás 20:00 desde o Concello.

    Santiago de Compostela. Concentración das 11:00 ás 11:30, na rúa Anxo Casal, diante da Xunta de Galicia.

    Lugo. Concentración das 11:30 ás 12:30, na rolda da Muralla n.º 70, diante da Xunta de Galicia.

    Viveiro. Concentración das 18:00 ás 19:00, na Travesía da Mariña, nos Xardíns de Noriega Varela.

    Ourense. Concentración das 10:30 ás 11:30, na praza Maior; pola tarde, das 17:30 ás 18:30 diante do CHUO.

    Vigo. Concentracións das 10:00 ás 12:00 e das 17:00 ás 19:00, na Porta do Sol.

    Pontevedra. Manifestación ás 20:00, desde a Praza da Peregrina.

    Vilagarcía. Concentración das 11:30 ás 12:00, na rúa de Alexandre Bóveda, diante das sedes sindicais.