Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Outubro 2025.

CCOO, UGT e CSIF denuncian a precariedade laboral en Paradores

    CCOO, UGT e CSIF denuncian a precariedade en Paradores e anuncian mobilizacións. Neste sentido, o vindeiro 7 de outubro haberá unha protesta diante da sede central desta empresa pública, en Madrid. Actualmente, Paradores emprega unhas 5500 persoas en todo o Estado.

    02/10/2025.
    Parador de Baiona | Foto: Google S. View

    Parador de Baiona | Foto: Google S. View

    Os sindicatos explican que a negociación do novo convenio leva catro anos bloqueada, sen avances reais, pola falta de autorización do Ministerio de Facenda. Mentres, a dirección négase a mellorar as condicións laborais e mantén un sistema retributivo desfasado, con soldos de base próximos ao salario mínimo. Porén, a empresa decidiu unilateralmente incrementar en 9600 euros anuais os salarios no Parador de Eivisa, o que a parte sindical considera unha discriminación intolerable.

    A precariedade agrávase polas ofertas públicas de emprego con exceso de contratos a tempo parcial e fixos descontinuos, o que provoca entre un 20 e un 25% de prazas desertas. A temporalidade supera con moito o 8% que esixe a UE no sector público.

    CCOO, UGT e CSIF reclaman medidas urxentes. Entre elas, a redución da xornada a 35 horas semanais, consolidación das xubilacións parciais, recoñecemento da antigüidade e melloras salariais. Todo isto nun contexto de récord histórico de beneficios para a compañía (máis de 346 millóns de euros de ingresos e 40 millóns de beneficio neto en 2024) mentres a carga de traballo provoca máis de 123.000 días perdidos por incapacidade temporal.