Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 28 Outubro 2025.

O persoal de terra de Ryanair, en folga contra o ERE

    O persoal de terra de Ryanair en Galicia está en folga este luns e concentrouse no aeroporto de Santiago de Compostela para protestar pola ruptura unilateral das negociacións por parte da empresa. Un cento de traballadores e traballadoras manifestáronse na terminal do aeroporto Rosalía de Castro con pancartas contra o expediente de regulación de emprego (ERE) que pretende aplicar a compañía. Segundo CCOO, a pretensión da empresa é despedir entre o 80 e o 85% do persoal coa menor indemnización posible.

    20/10/2025.
    Concentración durante a xornada de folga do persoal de terra de Ryanair (Santiago, 20/10/2025)

    Concentración durante a xornada de folga do persoal de terra de Ryanair (Santiago, 20/10/2025)

    O presidente do comité de empresa, Alberto Couceiro (CCOO), explicou en declaracións aos medios de comunicación que a negociación concluíu o pasado venres «sen acordo». Así mesmo, cualificou de «irrisorias» as propostas da empresa. «Queríannos dar trinta días por despedimento con quince mensualidades, o que é moi pouco tendo en conta que Ryanair bateu en 2025 os beneficios de todos os anos anteriores», indicou.

    CCOO reclama que, no canto do ERE, se aplique un ERTE ata o vindeiro mes de xullo, mentres dure o peche da pista da Lavacolla por obras, ante a previsión do aumento dos voos despois desa data. «A empresa non está disposta a negociar e só pensa en extinguir contratos do persoal máis antigo para contratar despois xente eventual con menos horas e condicións máis precarias», denunciou Couceiro.

    O sindicato advirte sobre as consecuencias dos despedimentos noutros sectores que operan no aeroporto, como as cafetarías, o aluguer de vehículos e o turismo en xeral.