Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Novembro 2025.

Máis de 470 persoas únense a CCOO para saldar a «débeda de gratitude» con Suso Díaz

    O Gran Hotel Los Abetos de Santiago quedou pequeno o pasado venres para acoller as máis de 470 persoas que asistiron á homenaxe a Suso Díaz (1944–2025), histórico sindicalista ferrolán e secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO entre 1988 e 2000, impulsor do diálogo social e figura clave do sindicalismo galego.

    27/10/2025.

    URL | C�digo para insertar

    O espazo en que tivo lugar o acto ateigouse de persoas que non quixeron perder a ocasión de renderlle homenaxe ao histórico sindicalista

    O espazo en que tivo lugar o acto ateigouse de persoas que non quixeron perder a ocasión de renderlle homenaxe ao histórico sindicalista

    O acto, organizado polo Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e a Fundación 10 de Marzo, converteuse nunha xornada de emoción e memoria compartida con presenza de representantes sindicais de Galicia, do conxunto do Estado e de Portugal, ademais de autoridades e familiares do homenaxeado.

    O secretario xeral confederal de CCOO, Unai Sordo, abriu o acto lembrando que o sindicato quixo saldar con Suso Díaz «unha débeda de gratitude pola súa entrega e compromiso». Destacou que «a democracia tamén se loitou nas rúas» e evocou os sucesos do 10 de marzo de 1972 en Ferrol, cando a policía franquista abriu fogo contra traballadores en folga nos asteleiros, matando a Amador Rey e Daniel Niebla.

    Entre aquelas persoas manifestantes estaba o propio Díaz, que padeceu represión e cárcere pola súa actividade sindical. «A democracia débeulle moito á súa loita e á de quen militou na clandestinidade», engadiu Sordo, chamando a manter vivo o seu legado «neste século XXI».

    A secretaria xeral de CCOO Galicia, Amelia Pérez Álvarez, encargouse de pechar o acto e definiu a Díaz como «unha figura imborrable, honesta e leal fóra de toda dúbida». Destacou tamén que o salón, «ateigado de homes e mulleres», constituía o «fiel reflexo do respecto e cariño que espertaba Suso», que na súa persoa encarnaba «a dignidade obreira feita home».

    O seu exemplo segue inspirando «a quen cre que a dignidade do traballo é o mellor camiño cara a unha sociedade máis xusta e libre», indicou a sindicalista, apuntando que Suso defendía o labor do sindicato «para que todas e todos teñamos mellores condicións laborais, non igualar cara abaixo».

    Un acto cheo de emoción

    A vicepresidenta do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, filla do homenaxeado, participou neste acto acompañada polos seus irmáns José e Suso, así como pola súa filla, Carmela. En declaracións previas, agradeceu o recoñecemento do sindicato ao seu pai, a quen definiu como «un exemplo de compromiso e alegría».

    Na homenaxe tomou a palabra o deputado de Sumar Manuel Lago, amigo persoal do homenaxeado, que evocou anécdotas compartidas. «Suso marchou co amor da súa familia e o respecto de quen o coñeceu», subliñou.

    Carmela, neta de Suso Díaz, puxo o broche máis persoal, lembrando o seu avó como «un heroe sen capa», que entre as súas leccións lle deu a de «ser boa persoa».

    Recoñecemento institucional

    No acto participaron tamén o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González; o secretario xeral de Emprego, Pablo Fernández; e a tenenta de alcaldesa de Santiago, María Rozas. Ademais, proxectouse un vídeo dos expresidentes da Xunta Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño, que destacaron o compromiso de Díaz co sindicalismo, coa democracia e cos dereitos das persoas traballadoras.