Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 7 Novembro 2025.

CCOO destaca a importancia dun desenvolvemento eólico socialmente xusto e baseado no diálogo

    A secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, subliñou este martes a relevancia do diálogo e da participación social na implantación da enerxía eólica. Fíxoo durante unha xornada monográfica que serviu como foro de presentación das conclusións do proxecto Sociedade, eólica e traballo: propostas para un modelo de desenvolvemento eólico en Galicia socialmente xusto, elaborado polo Instituto Sindical de Traballo, Ambiente e Saúde (ISTAS) da Fundación 1.º de Mayo en colaboración co Sindicato Nacional de CCOO.

    28/10/2025.
    De esquerda a dereita, Carlos Martínez Camarero, da Secretaría Confederal de Saúde Laboral e Medio Ambiente de CCOO; Amelia Pérez, secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia; Armando Iglesias, secretario de Transicións de CCOO; e Pablo Moros, da Fundación 1.º de Mayo, coordinador do proxecto

    De esquerda a dereita, Carlos Martínez Camarero, da Secretaría Confederal de Saúde Laboral e Medio Ambiente de CCOO; Amelia Pérez, secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia; Armando Iglesias, secretario de Transicións de CCOO; e Pablo Moros, da Fundación 1.º de Mayo, coordinador do proxecto

    Na inauguración desta xornada, Amelia Pérez agradeceu «o traballo das distintas mesas e de todas as persoas que participaron pola súa entrega e talante» e destacou que «antes de facer propostas, hai que escoitar as outras partes que participan da mesma acción». Engadiu que o obxectivo do proceso foi «obter as principais conclusións que nos puidesen servir a todas para un desenvolvemento eólico socialmente xusto, algo prioritario para a implantación das renovables».

    O documento presentado hoxe recolle 45 medidas para un desenvolvemento xusto e equilibrado da enerxía eólica en Galicia. O estudo aposta por un modelo de transición enerxética que combine participación social, emprego de calidade e respecto ambiental.

    As medidas, estruturadas en seis bloques, tratan cuestións como o diálogo no desenvolvemento da enerxía eólica, o impacto ambiental, as compensacións e creación de oportunidades para os territorios, a normativa e as políticas autonómicas, a repotenciación e o desenvolvemento industrial e laboral.

    Entre as principais conclusións destaca a necesidade de que o desenvolvemento da enerxía eólica conte coa participación da sociedade civil, tanto na definición das normas e plans de desenvolvemento como en cada un dos proxectos que se sometan a autorización administrativa.

    A este respecto, CCOO reclama que a Xunta de Galicia habilite mecanismos de diálogo construtivo con todos os actores sociais e económicos implicados. Pola súa parte, os promotores eólicos deben garantir información temperá e completa, así como negociar coas entidades locais a situación dos proxectos e medidas compensatorias polos posibles efectos negativos.

    No caso da eólica mariña, o sindicato considera necesario artellar espazos de diálogo entre o sector pesqueiro e as empresas para garantir unha coexistencia equilibrada, delimitando correctamente as zonas designadas nos Plans de Ordenación do Espazo Mariño (POEM).

    O documento tamén propón reconsiderar o uso das declaracións de interese público e das facultades de expropiación, limitándoas a casos excepcionais e só para as liñas de evacuación eléctrica. Ademais, reclámase eliminar a obrigatoriedade de repotenciar os parques eólicos ao cumpriren 25 anos e modificar o canon eólico, que debería calcularse en función da potencia das instalacións e destinarse integramente aos concellos afectados.