Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 3 Novembro 2025.

Constitución do Consello Nacional do S. N. de CCOO de Galicia.

    O venres, 31 de outubro, constituíuse o Consello do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia, o máximo órgano de dirección entre congresos.

    01/11/2025.
    Consello Nacional CCOO Galicia.

    Consello Nacional CCOO Galicia.

    O primeiro Consello, tras 0 13º Congreso, ratificou o informe presentado pola Secretaria Xeral, Amelia Pérez Álvarez. Tamén se aprobaron o borrador de orzamentos do próximo ano, así como as liñas de traballo sindical para o curto e o medio prazo. No informe, Amelia Pérez, reivindicou cambios nas prioridades das políticas económicas, laborais e sociais, «á procura desmedida de ganancias por parte das empresas, a miúdo preferindo o enriquecemento sobre o benestar social ou laboral, están a deteriorar a cohesión social e facendo unha sociedade máis inxusta e desigual».

    A dirixente sindical, no seu informe reflectiu o panorama da situación política, económica e social, tanto a nivel global como específico en Galicia. Abórdase a incerteza global e a necesidade de solidariedade co pobo palestino ante o conflito de Gaza, criticando o xenocidio e pedindo o recoñecemento do Estado Palestino.

    No contexto galego, o informe detalla as consecuencias da vaga de lumes na provincia de Ourense e critica a política da Xunta por falta de recursos e planificación, propoñendo un pacto forestal. Ademais, analiza a economía de Galicia, notando que o crecemento do PIB é menor que no resto de España e tradúcese en salarios máis baixos, aínda que destaca a creación de emprego indefinido, especialmente entre mulleres, e critica os orzamentos autonómicos por insuficientes en vivenda e políticas sociais.

    Mulleres e Políticas LGTBIQA+

    A Secretaría de Mulleres e Políticas LGTBIQA+ presentou as estratexias e obxectivos de CCOO Galicia en materia de igualdade. As liñas de actuación requiren que este traballo sexa transversal na organización, en prol da igualdade real e efectiva:

    Promover a sensibilización en igualdade e linguaxe inclusiva. Favorecer a información e a formación permanente e actualizadas dentro da organización. Asumir a responsabilidade como organización feminista para erradicar a violencia de xénero desde o ámbito dos centros de traballo. Todo isto a través do asesoramento do Gabinete de Igualdade.

    Revisión Interna e Acción Sindical.

    O Informe presenta unha revisión interna do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, abordando desafíos e propostas crave. Destácase a necesidade de «mellorar os resultados» para manter o liderado e fortalecer a autonomía sindical.

    Un enfoque significativo é a «acción sindical para a redución da xornada laboral», incluíndo unha táboa que ilustra as horas anuais en diversos convenios provinciais e autonómicos. Ademais, o informe expresa gran preocupación polos «Expedientes de Regulación de Emprego (ERE)» en empresas como ,RYANAIR, CTAG e ENCE.

    O texto manifesta a preocupación de CCOO polas relacións laborais nas distintas Administracións Publicas:

    • A nivel estatal coa convocatorias da área pública o día 30 en todo o Estado, con ameaza dunha convocatoria de folga no caso de que non se cumpra os compromisos acordados.
    • Na Xunta de Galicia coas problemática en servizos esenciais tanto nas condicións laborais como no investimento en Ensino, Sanidade e política forestal e extinción de lumes como vén denunciando a RLPT co bloque do dialogo e negociación.
    • Desta deriva nas AAPP non escapan os Concellos e como mostra de iso, o Concello de Lugo, cun ataque sistemático a CCOO por denunciar o desprezo absoluto ao diálogo social, a privatización de servizos públicos esenciais e a incoherencia política do goberno progresista.

    Saúde Laboral

    Examínase a saúde laboral, sinalando un aumento nos accidentes mortais en Galicia. Especificamente, contémplase a necesidade de «combater o discurso de criminalización» dos traballadores/as que enferman ou accidéntanse (dinámica promovida polas patronais, empresas e o Goberno autonómico) con rigor, debatendo o tema na súa amplitude, incluíndo a sanidade, listas de espera, e a falta de formación e medios nas empresas. A elevada sinistralidade o indican, impulsada por infartos e enfermidades non traumáticas (que a miúdo superan o 40% en Galicia), mostra un panorama desolador cun incremento de persoas falecidas.

    Finalmente remata o informe cunha visión xeral das prioridades e o traballo do sindicato, cun forte enfoque «na acción sindical cohesiva, as eleccións sindicais e afiliación» e a mellora da «comunicación interna e externa». Ademais, Amelia Pérez, subliña a necesidade de «continuar co traballo coa poboación inmigrante» para combater a retórica da ultradereita. Reitera o «compromiso do sindicato coa Fundación 10 de Marzo» para preservar a historia do movemento obreiro.

    Aprobouse unha resolución en defensa e apoio dun ferrocarril axeitado ao século XXI para Ferrolterra, Eume e Ortegal. Reclamase a modernización do servizo nestas comarcas, que veñen sendo excluídas dun transporte fundamental para as persoas con menor poder adquisitivo e para a propia economía, como é o ferrocarril.