Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Novembro 2025.

Constitución do Consello Nacional do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia

    O venres, 31 de outubro, constituíuse o Consello do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia, o máximo órgano de dirección entre congresos.

    01/11/2025.
    Consello Nacional CCOO Galicia.

    Consello Nacional CCOO Galicia.

    O primeiro Consello tras o 13.º Congreso ratificou o informe presentado pola secretaria xeral, Amelia Pérez Álvarez. Tamén se aprobaron o borrador de orzamentos do próximo ano e as liñas de traballo sindical para o curto e o medio prazo. No informe, Amelia Pérez reivindicou cambios nas prioridades das políticas económicas, laborais e sociais: «a procura desmedida de ganancias por parte das empresas, a miúdo preferindo o enriquecemento sobre o benestar social ou laboral, está a deteriorar a cohesión social e facendo unha sociedade máis inxusta e desigual».

    A dirixente sindical reflectiu no seu informe o panorama político, económico e social, tanto global como  o específico de Galicia. Abórdou a incerteza xeral e a necesidade de solidariedade co pobo palestino ante o conflito de Gaza, criticando o xenocidio e pedindo o recoñecemento do Estado palestino.

    No contexto galego, o informe detalla as consecuencias da vaga de lumes na provincia de Ourense e critica a política da Xunta por falta de recursos e planificación, propoñendo un pacto forestal. Ademais, analiza a economía de Galicia; sinala que o crecemento do PIB é menor que no resto de España o que se traduce en salarios máis baixos, aínda que destaca a creación de emprego indefinido, especialmente entre mulleres, e critica os orzamentos autonómicos por insuficientes en vivenda e políticas sociais.

    Mulleres e Políticas LGTBIQA+

    A Secretaría de Mulleres e Políticas LGTBIQA+ presentou as estratexias e obxectivos de CCOO Galicia en materia de igualdade. As liñas de actuación requiren que este traballo sexa transversal na organización, en prol da igualdade real e efectiva: promover a sensibilización en igualdade e linguaxe inclusiva; favorecer a información e a formación permanente e actualizadas dentro da organización; asumir a responsabilidade como organización feminista para erradicar a violencia de xénero desde os centros de traballo. Todo isto co asesoramento do Gabinete de Igualdade.

    Revisión interna e acción sindical

    O informe presenta unha revisión interna do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, abordando desafíos e propostas clave. Destácase a necesidade de «mellorar os resultados» para manter o liderado e fortalecer a autonomía sindical.

    Un enfoque significativo é a «acción sindical para a redución da xornada laboral», incluíndo unha táboa que ilustra as horas anuais en diversos convenios provinciais e autonómicos. Ademais, o informe expresa gran preocupación polos expedientes de regulación de emprego (ERE) en empresas como RYANAIR, CTAG e ENCE.

    O texto manifesta a preocupación de CCOO polas relacións laborais nas distintas Administracións públicas:

    • No ámbito estatal, coa convocatorias da área pública o día 30, con ameaza dunha convocatoria de folga se non se cumpren os compromisos acordados.
    • Na Xunta de Galicia, coas problemáticas en servizos esenciais polas condicións laborais e polos investimentos en ensino, sanidade e política forestal e extinción de lumes, como vén denunciando a RLPT co bloqueo do diálogo e a negociación.
    • Desta deriva nas AAPP non escapan os concellos. Mostra disto dáa o Concello de Lugo, cun ataque sistemático a CCOO por denunciar o desprezo absoluto ao diálogo social, a privatización de servizos públicos esenciais e a incoherencia política do goberno progresista.

    Saúde laboral

    No exame á saúde laboral sinálase un aumento dos accidentes mortais en Galicia. Especificamente, recóllese con rigor a necesidade de «combater o discurso de criminalización» dos traballadores e traballadoras que enferman ou se accidentan (dinámica promovida polas patronais, empresas e o Goberno autonómico) e debátese o tema na súa amplitude, incluíndo a sanidade, as listaxes de espera e a falta de formación e medios nas empresas. A elevada sinistralidade, impulsada por infartos e enfermidades non traumáticas (que a miúdo superan o 40 % en Galicia), mostra un panorama desolador cun incremento de persoas falecidas.

    Finalmente, remata o informe a visión xeral das prioridades e o traballo do sindicato, cun forte enfoque «na acción sindical cohesiva, as eleccións sindicais e afiliación» e a mellora da «comunicación interna e externa». Ademais, Amelia Pérez subliña a necesidade de «continuar co traballo coa poboación inmigrante» para combater a retórica da ultradereita. Reitera o «compromiso do sindicato coa Fundación 10 de Marzo» para preservar a historia do movemento obreiro.

    Aprobouse unha resolución en defensa e apoio dun ferrocarril axeitado ao século XXI para Ferrolterra, Eume e Ortegal. Reclámase a modernización do servizo nestas comarcas, que veñen sendo excluídas dun transporte fundamental para as persoas con menor poder adquisitivo e para a propia economía, como é o ferrocarril.