Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 10 Novembro 2025.

A exposición 'A Transición', inaugurada hoxe en Santiago, reivindica o carácter popular deste proceso histórico

    A exposición 'A Transición' abriu hoxe as súas portas no Centro Sociocultural do Ensanche, en Santiago de Compostela, nun acto no que participaron representantes municipais e da Fundación 10 de Marzo. Estiveron presentes a tenenta de alcalde, María Rozas (CA); a concelleira socialista Marta Abal; e o concelleiro popular José Ramón de la Fuente. Desculpou a súa ausencia o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

    06/11/2025.

    URL | C�digo para insertar

    A exposición 'A Transición' poderase ver en Santiago ata o vindeiro 28 de novembro

    A exposición 'A Transición' poderase ver en Santiago ata o vindeiro 28 de novembro

    A mostra permanecerá aberta do 6 ao 28 de novembro, de 10:00 a 20:00 horas, e forma parte do traballo divulgativo da Fundación 10 de Marzo para recuperar a memoria democrática e achegala á cidadanía e, moi especialmente, ao alumnado dos centros educativos. A exposición está organizada pola Fundación 10 de Marzo e o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, co apoio do Concello de Santiago e da Deputación da Coruña.

    A Transición: un proceso desde abaixo

    O historiador Víctor Santidrián, membro do padroado da Fundación, explicou que a exposición consta de dezanove paneis centrados nunha visión ‘anónima’ da Transición. Subliñou que non aparecen nomes propios, salvo excepcións puntuais, porque o obxectivo é reforzar a idea de que o proceso foi eminentemente popular, non estivo predeterminado e tampouco responde ao relato das grandes figuras políticas.

    Segundo afirmou, «a idea é reforzar que foi un proceso que non estaba escrito, que comeza antes do 20 de novembro de 1975» —a morte do ditador—, un acontecemento «fundamental, si, pero o proceso comeza antes e non sabemos moi ben dicir cando remata, non necesariamente coa aprobación da Constitución», apuntou.

    Santidrián tamén explicou que o deseño se basea máis na imaxe ca no texto e que cada panel aborda un ámbito que adoita quedar fóra dos manuais, desde a lingua e a cultura ata as mulleres, a homofobia, a economía ou a Movida. «A orde tamén é significativa, pois a política está no panel 15», exemplificou.

    Rematou lembrando que esta exposición «estivo e está» dispoñible para os centros educativos que o desexen unha vez remate este ciclo no Ensanche compostelán.

    Reivindicar o papel do movemento sindical

    Pola súa parte, a tenente de alcalde, María Rozas, incidiu na importancia de ofrecer lecturas plurais e críticas sobre aquela etapa histórica. «Creo que é o mellor momento para termos exposicións deste estilo en todo o concello e centros educativos. Cada vez máis escoitamos voces que parecen ter nostalxia destes tempos pasados», advertiu.

    Aplaudiu que a mostra se poida ver precisamente agora, en novembro, medio século despois da morte de Franco, e defendeu a importancia de incidir nunha visión «afastada do relato oficial, de que todo isto foi unha transición dirixida desde as elites». Por iso, apelou a poñer en valor o traballo de «toda a xente que, de maneira clandestina, fixo posible durante décadas que hoxe teñamos unha democracia». Tamén puxo en valor o papel dos sindicatos e sinalou que é necesario «reivindicar o papel protagonista de sindicatos como CCOO».