Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 22 Decembro 2025.

CCOO salienta en Vigo o traballo sindical: «Somos os que transformamos as reivindicacións en realidades tanxibles»

    O sindicato conmemora o 50º aniversario da «toma» do sindicato vertical, un paso clave na consecución da democracia.

    18/12/2025.
    Os relatores, onda os sindicalistas históricos e representantes que tamén participaron na asemblea

    Os relatores, onda os sindicalistas históricos e representantes que tamén participaron na asemblea

    A secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO en Galicia, Amelia Pérez, salientou este mércores o labor da organización e dos seus representantes nos centros de traballo de todo o país: «Somos os que transformamos as reivindicacións en realidades tanxibles».

    Expresouse así nunha asemblea aberta organizada pola Unión Comarcal de Vigo e celebrada no Centro Veciñal e Cultural de Valadares para conmemorar 50.º aniversario das «eleccións sindicais» de 1975, as últimas antes da chegada da democracia e que implicaron a implosión do sindicato vertical franquista.

    O acto, que tivo unha gran afluencia de público, contou tamén cos discursos do ex secretario xeral de Comisiones Obreras entre 1987 e 2000, Antonio Gutiérrez; o secretario confederal de Protección Social e Políticas Públicas, Carlos Bravo; e foi conducido pola secretaria xeral da U. C. de Vigo, Montserrat Carrera. Interviñeron, ademais, representantes das distintas federacións e, do eido institucional, tamén contou co alcalde de Vigo, Abel Caballero.

    Durante a asemblea proxectouse un documental que repasa a historia das Comisións Obreiras en Vigo e en Galicia, no que históricos da organización rememoran a importancia das loitas obreiras e da «toma» do sindicato vertical para a chegada da democracia. Un recoñecemento do pasado para proxectar no presente e no futuro.

    Nese senso, Antonio Gutiérrez chamou a aprender da receita dos que fixeron posible a loita das Comisións Obreiras durante a ditadura franquista: «Poñer o que nos une por riba, o feito de sermos asalariados e compartirmos a mesma clase». Tamén Carlos Bravo, ao fío do interesado debate sobre un suposto conflito interxeracional, alertou de que «se quere disfrazar» o problema de sempre, que non é outro que a redistribución da renda.

    Amalia Pérez recoñeceu o traballo de todas e todos os representantes sindicais, malia os atrancos e o dura que pode resultar a tarefa. Sen «pedir medallas», reivindicou todos os logros que se conseguen en beneficio das persoas traballadoras. «Se non o facemos nós, ninguén o vai facer», recalcou.

    Pola súa parte, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou a labor de CCOO, tanto para acabar coa ditadura franquista como para mellorar as condicións de vida das persoas traballadoras.