Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Decembro 2025.

CCOO defende os dereitos e a inclusión da poboación migrante

    Cada vez son máis as persoas migrantes que participan activamente no sindicato: afiliándose, converténdose en delegadas e delegados sindicais ou formando parte de candidaturas nos centros de traballo.

    18/12/2025.
    En CCOO de Galicia reafirmamos o noso compromiso coas persoas migrantes.

    En CCOO de Galicia reafirmamos o noso compromiso coas persoas migrantes.

    No Día Internacional das Persoas Migrantes, que se celebra o 18 de decembro, CCOO reafirma o seu compromiso coa normalización das migracións como un fenómeno social e estrutural, e esixe o pleno respecto dos dereitos das persoas traballadoras migrantes, a súa inclusión efectiva no mercado laboral e a súa protección fronte á explotación e a discriminación, así como o desenvolvemento de políticas públicas baseadas na solidariedade, a cohesión social e a dignidade humana.

    Neste sentido, o sindicato apoia o fortalecemento de marcos internacionais e europeos que promovan unha migración legal, segura e ordenada, en liña cos compromisos multilaterais asumidos en Nacións Unidas e cos debates actuais sobre políticas migratorias da Unión Europea.

    Nun contexto marcado pola precariedade e o endurecemento do discurso reaccionario contra a poboación migrante, o sindicato é unha ferramenta de apoio integral, especialmente para as persoas que teñen maiores dificultades para acceder á información e aos servizos públicos. A dixitalización acelerada deixou fóra do sistema miles de persoas, e CCOO é unha canle para conseguir que os dereitos cheguen realmente a quen os necesita.

    Cada vez son máis as persoas migrantes que participan activamente no sindicato: afiliándose, converténdose en delegadas e delegados sindicais ou formando parte de candidaturas nos centros de traballo. Esta participación fortalece a CCOO e renóvao, achégao á realidade de sectores fundamentais no noso país como a agricultura, a construción, a hostalería, os coidados ou o traballo doméstico, onde a presenza de persoas migrantes resulta esencial para soster o emprego e os servizos públicos.

    A migración non é un problema, senón unha realidade estrutural que require políticas públicas xustas, diálogo social e un sindicalismo forte. Por iso o sindicato impulsa unha atención integral que combina asesoramento, acompañamento, formación e acción sindical, e traballa de forma coordinada en toda a súa estrutura para logralo.

    Fronte aos discursos de odio e a estigmatización, CCOO aposta pola convivencia, a igualdade de dereitos e a participación activa das persoas migrantes. Porque defender os dereitos das persoas migrantes é defender os dereitos de toda a clase traballadora.