Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 21 Xaneiro 2026.

CCOO marca como obxectivos para 2026 a suba do SMI, a redución de xornada e a mellora dos servizos públicos

    Amelia Pérez: «Aínda que o sindicalismo presenta dificultades, sabemos que cada esforzo paga a pena cando logramos asinar un convenio colectivo ou mellorar a vida da xente»

    30/12/2025.
    Resumen de fin de ano 2025.

    Resumen de fin de ano 2025.

    A secretaria xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, fai balance do ano que remata este mércores e traza as prioridades da organización para 2026: lograr a redución da xornada laboral, conseguir un novo incremento do salario mínimo interprofesional (SMI) e manter unha firme defensa duns servizos públicos que garantan a mellora das condicións de vida da cidadanía galega.

    Nun vídeo co gallo do fin de ano, Amelia Pérez lembra que, a nivel interno, o 2025 foi un ano marcado polos procesos congresuais en todas as estruturas do sindicato. «Reafirmamos as nosas conviccións e poñemos en valor o traballo das Comisións Obreiras», asevera.

    «Aínda que o sindicalismo presenta dificultades que ás veces nos fan repensar o noso compromiso, sabemos que cada esforzo paga a pena cando logramos asinar un convenio colectivo ou mellorar a vida da xente. Somos, por riba de todo, unha ferramenta útil e necesaria para organizar a clase obreira e transformar a nosa realidade».

    A secretaria xeral remarca que as prioridades para o 2026 serán a suba dos salarios —a través dos convenios colectivos e do SMI—; o consecución de máis tempo para as persoas traballadoras coa redución de xornada; e a mellora dos servizos públicos. A este respecto, sinala que CCOO continuará incidindo no ámbito sociopolítico para protexer a sanidade, o ensino e os servizos de coidados. «Seguiremos formulando propostas desde todos os ámbitos de participación institucional para garantir que as condicións de vida das persoas sigan mellorando», enfatiza.

    Outra materia que foi prioritaria no ano que remata e que o seguirá sendo en 2026 é a loita contra o cambio climático. Nese senso, Amelia Pérez lembra a terrible vaga de incendios que sufriu Galicia o pasado verán e denuncia a ausencia de políticas forestais axeitadas pola parte da Xunta, da que critica «a súa impericia» nesta cuestión.

    Nun contexto global marcado pola incerteza, o aumento de opcións autoritarias e o agravamento das guerras, CCOO de Galicia quere reafirmar a súa solidariedade internacional, especialmente co pobo palestino.

    Memoria e feminismo

    Durante o 2025, da man da Fundación 10 de Marzo, o sindicato conmemorou os 50º aniversario da fin da morte do ditador Francisco Franco, baixo a premisa de «recuperar memoria para construír futuro, para non repetir os erros do pasado. Tamén, froito da colaboración coa fundación, este ano entregáronse os seus premios a tres mulleres: Ana Pardo de Vera, Ánxela Loureiro e Pilar Tellado.

    Precisamente, a loita feminista é inseparable do identidade de CCOO como sindicato de clase. «Seguiremos combatendo a fenda de xénero e salarial, priorizando o apoio aos sectores máis feminizados e precarizados que necesitan da nosa acción sindical». Este compromiso inclúe tamén a defensa das políticas LGTBIQA+.

    Nestes últimos intres do ano, a secretaria xeral do sindicato tamén tivo palabras para lembrar as compañeiras e compañeiras que xa non están connosco, pero que cimentaron e lle deron solidez á organización.

    «Desexarvos un bo Nadal e un feliz 2026 e que os vosos desexos se fagan realidade neste ano. Que teñamos menos guerras, que consigamos esa redución da xornada laboral, que teñamos un incremento do SMI. E, sobre todo, que todas e todos teñamos saúde para poder desfrutar do 2026 a tope», finaliza Amelia Pérez.