Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

O transporte de viaxeiros da provincia da Coruña manifestarase en Santiago o venres 9 de xaneiro

    As persoas traballadoras convocan novos paros para este mes e irán á folga indefinida desde o 2 de febreiro se non hai avances na negociación do novo convenio colectivo

    05/01/2026.
    Cartel da manifestación.

    Cartel da manifestación.

    CCOO, CIG e UGT convocan unha manifestación para este próximo venres, 9 de xaneiro, para reclamar un novo convenio colectivo no transporte de viaxeiros da provincia da Coruña. A protesta comezará ás 11:00 na estación intermodal de Santiago e rematará no Parlamento de Galicia.

    Esta manifestación abre unha nova xeira de paros durante este mes, como os que xa tiveron lugar durante decembro. O cadro de persoal, en asembleas que tiveron lugar a semana pasada, aprobou realizar novos paros os días 12, 13, 16, 19, 20 e 23 de xaneiro. Se a patronal persiste no seu inmobilismo, a partir do 2 de febreiro as persoas traballadoras irán á folga indefinida.

    O motivo principal destas protestas é o «secuestro» do convenio colectivo por parte da patronal deste sector, explica CCOO. O convenio leva paralizado catro anos e quedou desfasado. O comité de folga subliña a grave situación salarial e destaca que no ano 2024 non houbo suba.

    Ante o inmobilismo patronal, a comisión negociadora viu os seus esforzos frustrados. A única oferta substancial presentada pola patronal foi un 1,20 % de suba salarial e «nada» no referente á xornada. Esta proposta foi rexeitada por se tratar dunha «suba salarial miserenta» que «insulta a todas as persoas traballadoras do sector».

    Demandas urxentes para humanizar o sector

    As persoas traballadoras do sector de transporte de viaxeiros esixen que se aborden as seguintes necesidades cruciais:

    • Unha suba salarial digna.

    • A redución de xornada e a ordenación do tempo de traballo, medidas necesarias para humanizar o sector.

    • A actualización e modernización dos permisos retribuídos e días de asuntos propios, que agora están por baixo do que marca o Estatuto das persoas traballadoras.

    • O recoñecemento do transporte discrecional como unha actividade que tamén é un servizo público de primeiro nivel e cuxa responsabilidade non debe recaer unicamente sobre o persoal condutor.

    • O recoñecemento da xubilación parcial, para que as persoas traballadoras poidan anticipala.

    • A ordenación da xornada para o persoal acompañante.

    O comité de folga recalca que a convocatoria de paro é a «única forma de desbloquear as negociacións» e de «recuperar un convenio colectivo que a patronal quere deixar morrer».