Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Xaneiro 2026.

Unha empregada dun centro de atención de chamadas de Vigo logra o 100 % de teletraballo para poder supervisar a súa filla de 11 anos

    O TSXG recoñece o dereito da traballadora á conciliación e impón a Unísono 7500 euros de indemnización

    16/01/2026.
    Profesional teletraballando | Foto: Pixabay

    Profesional teletraballando | Foto: Pixabay

    O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) recoñeceu o dereito dunha traballadora de Unísono Soluciones de Negocio a facer toda a súa xornada laboral na modalidade de teletraballo para poder conciliar a súa vida laboral e familiar. A empregada, afiliada a CCOO e defendida polos servizos xurídicos do sindicato, pedira prestar desde a casa a súa xornada, que se desenvolve na quenda da tarde, para poder supervisar a súa filla, de 11 anos.

    O TSXG, deste xeito, acolle o recurso de suplicación presentado pola defensa da traballadora ante a sentenza do Xulgado do Social n.º 7 de Vigo e impón, ademais, unha indemnización de 7500 euros. Fronte ao criterio da resolución inicial, os maxistrados consideran que, inda que a nena ten unha idade que lle permite unha certa autonomía, é razoable «unha certa supervisión no domicilio». A nai ten unha xornada de 14:00 a 22:00 horas e, antes de solicitar o teletraballo, pedira un cambio de quenda que lle foi denegado.

    A partir do establecido no artigo 34.8 do Estatuto das Persoas Traballadoras, a sentenza asegura que o teletraballo permitiría cohonestar o desenvolvemento das obrigas laborais coa supervisión da filla no tempo que non está na escola. Pola contra, a empresa non acreditou a existencia necesidades produtivas ou organizativas que lle impedisen acceder á adaptación de xornada reclamada: «Non consta nos feitos probados ningunha circunstancia que impida o exercicio do dereito solicitado».

    A empresa alegara cuestións como «falta de suficientes equipos informáticos, mellor produtividade, recepción de información, conexión e compromiso no traballo presencial», pero os maxistrados replícanlle que nada diso foi probado «a partir de datos obxectivos».

    O TSXG, ademais, constata que a traballadora xa prestou servizos a través do teletraballo en momentos anteriores e «non consta problema ou incidencia ningunha nesa situación». Durante o ano 2024, en concreto, fixo a xornada en remoto un total de 42 días. A sentenza, que foi recorrida ante o Tribunal Supremo, tamén reprocha a Unísono que non negociase nin fixese propostas alternativas ante a solicitude da empregada.

    CCOO salienta a relevancia desta sentenza, que, de ser confirmada polo Supremo, abriría a vía para que as empresas lles faciliten ás persoas traballadoras a conciliación laboral e familiar mediante o teletraballo, tamén nos casos en que os menores xa non precisan de atención continua.