Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 10 Febreiro 2026.

A Xunta admite o colapso da sanidade despois de culpar as persoas traballadoras das baixas: CCOO denuncia anos de desmantelamento e falta de investimento

    CCOO esixe solucións urxentes ante o recoñecemento oficial da incapacidade do sistema para reducir as listaxes de espera

    05/02/2026.
    Armando Iglesias, en rolda de prensa.

    Armando Iglesias, en rolda de prensa.

    A recente declaración do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na que admite que é «difícil» baixar as listaxes de espera polo envellecemento da poboación e a falta de persoal médico, vén confirmar o que CCOO de Galicia leva anos denunciando: a sanidade pública galega está en situación de colapso por decisión política, non por culpa das persoas traballadoras.

    Estas palabras do máximo responsable de Sanidade contrastan claramente coas acusacións lanzadas hai apenas uns días polo propio conselleiro, cando criminalizaba os empregados e empregadas que permanecen en situación de incapacidade temporal.

    CCOO xa rexeitou contundentemente esas afirmacións, subliñando que o verdadeiro problema radica na presión empresarial e no desmantelamento da sanidade pública por parte da Xunta.

    «O que agora presentan como escusa —o envellecemento e a falta de profesionais— é precisamente o que denunciamos como consecuencia dos recortes e da falta de planificación», afirma Armando Iglesias, secretario de Negociación Colectiva, Saúde Laboral e Transicións de CCOO de Galicia. «Non pode ser que se recoñeza a falta de médicos despois de anos de precariedade laboral, despedimentos de persoal fixo e aposta polo modelo privado».

    O sindicato recorda que as listaxes de agarda de 190 días en que se atopan milleiros de galegos e galegas son resultado directo das políticas de infrafinanciamento, da saturación da atención primaria e da externalización de servizos. «Cando unha persoa traballadora cunha lesión de tres ou catro meses ten que agardar ano e medio por unha intervención, non é culpa súa se esgota o prazo máximo de IT. É culpa dunha Administración que apostou pola desfeita do sistema público», sinala Iglesias.

    CCOO esíxelle á Xunta que deixe de buscar chibos expiatorios e asuma as súas responsabilidades, executando catro medidas imprescindibles: reforzo urxente da atención primaria con máis profesionais e medios materiais; redución inmediata das listaxes de agarda mediante contratación de persoal especializado; control rigoroso das empresas en materia de prevención de riscos laborais; e fin do modelo privatizador que expulsa o persoal do sistema público.

    «Se o conselleiro recoñece que non hai médicos e médicas suficientes, que deixe de culpar as persoas enfermas e traballadoras e poña solucións reais. A sanidade pública non se arranxa con discursos, senón con investimento e compromiso político», conclúe Armando Iglesias.