Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 3 Abril 2026.

O persoal do Grupo Losán esixe en Madrid unha solución inmediata: «Basta de non cobrar, queremos traballar»

    Un centenar de persoas traballadoras desprázanse desde Galicia para esixir ao Ministerio de Facenda que se involucre no desenvolvemento dun plan industrial que garanta o emprego

    05/02/2026.
    Daniel Barragán e Alejandra Gesto, ambos no medio, durante a concentración ante a SEPI.

    Daniel Barragán e Alejandra Gesto, ambos no medio, durante a concentración ante a SEPI.

    Un centenar de persoas traballadoras das plantas galegas do Grupo Losán desprazáronse este xoves a Madrid para asistir á convocatoria, por parte de CCOO, dunha concentración ante a sede da SEPI para esixir solucións inmediatas á crítica situación que vive o grupo empresarial, do que dependen unhas 700 familias de maneira directa.

    Ao berro de «basta de non cobrar, queremos traballar», o persoal das plantas de Curtis e Vilasantar e dos servizos centrais da Coruña, xunto cos compañeiros do resto de centros, reclamaron que o Ministerio de Facenda —de quen depende a SEPI—, e os Gobernos de Galicia, Castilla-León e Castilla-La Mancha senten na mesa cos acredores para buscaren unha solución, con outra propiedade ou intervindo a actual.

    «Losán non paga e ninguén fai nada!» ou «Facenda dá a cara, a xente está cansada» foron algunhas das consignas coreadas polo persoal, que leva xa catro nóminas sen cobrar. As persoas traballadoras de Galicia partiron ás 3:00 da madrugada para poder estar na capital do Estado loitando polo seu futuro.

    Na concentración participaron a secretaria xeral de CCOO do Hábitat Galicia, Alejandra Gesto, e o seu homólogo a nivel estatal, Daniel Barragán Burgui; ademais de persoal doutra gran madeireira galega, Finsa, que acudiu en solidariedade.

    «Estamos fartos da situación, o cadro de persoal está ao límite, son moitas familias que están a pasalo mal», denunciou Alejandra Gesto. «Solicitamos ás administracións que tomen medidas urxentes, non se pode ter as persoas traballadoras como reféns dunha empresa. Necesitamos solucións e que sexan rápidas», aseverou.

    Plan industrial

    CCOO do Hábitat entende que ten que partir desde o Goberno central un compromiso institucional co resto de Administracións autonómicas para desenvolver un plan industrial con garantías tanto para o emprego como para a actividade económica.

    É primordial asegurar a cadea de valor que se xera dentro do sector forestal e madeireiro, xa que é fundamental para manter o tecido produtivo en amplas zonas rurais e industriais, que fixa a poboación, xera empregos estables e está aliñado coa sostibilidade, a economía circular e a transición ecolóxica, en liña co que promove a Unión Europea.

    Corresponde agora buscar unha saída que debe ser coordinada polo Goberno central para garantir que é posible unha política industrial efectiva para o sector madeireiro e coordinar as accións que están acometendo as Administracións autonómicas para que a xestión empresarial se oriente a un proxecto industrial de futuro que garanta a actividade e o emprego.

    A nefasta xestión empresarial por parte da dirección do Grupo Losán quedou constatada, polo cal desde CCOO do Hábitat rexeitamos calquera saída que implique peches, despedimentos ou desmantelamento industrial como métodos de axuste. Polo tanto, esiximos transparencia, rendición de contas e un compromiso explícito pola súa parte coa garantía do emprego e o futuro industrial, aínda que sexa dando un paso atrás e deixando o futuro da compañía noutras mans (sexan de carácter público ou privado).