Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 11 Febreiro 2026.

Que facer (e que non) durante unha baixa laboral

    Ter unha incapacidade temporal non significa ter que quedar pechado na casa nin deixar de facer vida

    11/02/2026.
    Guía sobre as baixas laborais.

    Guía sobre as baixas laborais.

    Estar de baixa laboral non significa ter que quedar pechado na casa nin deixar de facer vida. A baixa concédese para que a persoa traballadora poida recuperarse dunha doenza ou lesión, e iso implica seguir as indicacións médicas e evitar todo aquilo que poida atrasar ou poñer en risco a mellora.

    A lei non recolle unha listaxe pechada de actividades prohibidas, pero si marca uns principios xerais: actuar de boa fe, non facer trampas para cobrar a prestación, non traballar por conta propia nin allea mentres dura a baixa, non saltarse tratamentos nin citas médicas e non facer actividades que supoñan unha imprudencia.

    En resumo: pódese facer todo aquilo que non atrase a recuperación, sempre co visto e prace do persoal sanitario. Iso pode incluír actividades tan diversas como facer exercicio físico na rúa ou no ximnasio, traballar na horta, pasear, asistir a cursos ou participar en eventos sociais.

    Podo facer deporte estando de baixa?

    Depende. Se a práctica deportiva pode agravar a lesión ou atrasar a recuperación, non estaría permitido. Pola contra, se resulta beneficiosa ou inocua, si que se pode facer.

    Por exemplo: unha persoa cunha baixa por problemas de ansiedade pode recibir como recomendación camiñar ou practicar exercicio moderado, mentres que alguén cunha lesión nun xeonllo non debería ir correr ata recuperarse.

    En calquera caso, a mellor opción é consultar sempre co persoal médico que leva o seguimento da baixa para confirmar se a actividade deportiva é axeitada ou non.

    Podo saír pasear estando de baixa?

    Si. Sempre que a enfermidade non desaconselle saír da casa e que o paseo non supoña risco de agravar ou atrasar a recuperación.

    De feito, en moitas situacións pode ser beneficioso: por exemplo, nas baixas relacionadas coa saúde mental (ansiedade, depresión…) saír pasear adoita axudar no proceso de mellora.

    Iso si, hai casos en que o repouso é parte esencial do tratamento (como certas lesións físicas ou procesos infecciosos), polo que convén confirmar co persoal médico se é recomendable ou non saír.

    Podo participar en reunións sociais ou familiares estando de baixa?

    En principio, si, sempre que a actividade non interfira na recuperación. Unha persoa cun brazo ou unha perna inmobilizada pode acudir sen problema a un xantar familiar ou a un encontro con amizades.

    Nalgúns casos, mesmo pode ser positivo: nas baixas por enfermidades de carácter psicolóxico, manter vida social pode axudar a mellorar o estado anímico.

    O que non sería recomendable é facer algo que choque directamente co tratamento, como por exemplo, consumir alcol se se están tomando determinados medicamentos. En resumo: se non prexudica a recuperación, non hai inconveniente.

    Podo viaxar estando de baixa?

    Depende do motivo da baixa. Se é por unha lesión física, doenza grave ou infección contaxiosa, as viaxes adoitan estar desaconselladas porque poden delongar a recuperación. Só se deberían facer con autorización médica expresa.

    Se é por un problema de saúde mental (por exemplo, un episodio depresivo ou de ansiedade), viaxar ou cambiar de ambiente pode mesmo estar recomendado como parte da mellora.

    En calquera caso, o importante é contar coa autorización médica, comprometerse a seguir os tratamentos e acudir ás citas co SERGAS ou coa mutua. Ademais, a empresa pode pedir unha certificación médica que avale a viaxe.

    Podo trasladarme a outra comunidade autónoma ou cambiar de residencia estando de baixa?

    Si, pero hai que facelo ben.

    Se é un desprazamento temporal a outra comunidade autónoma, hai que comunicalo previamente ao persoal médico. Emitirase un parte de confirmación por traslado de expediente que despois debe presentarse no lugar de destino.

    Se é un cambio de residencia definitivo, tamén hai que solicitalo ao médico ou á médica para que quede rexistrado e se poida continuar co seguimento da baixa desde a nova localidade.

    En resumo: pódese facer, pero sempre co trámite médico previo.

    Podo acudir ao meu centro de traballo estando de baixa?

    En xeral, non. Mentres dure a baixa, a relación laboral está suspendida, así que non hai que ir ao centro de traballo nin participar en actividades relacionadas con el (reunións, congresos, cursos…).

    Se se acudise e acontecese algún contratempo (accidente, caída, etc.), non estaría cuberto polo seguro, xa que oficialmente non se está traballando.

    As únicas excepcións poden ser cuestións moi puntuais, como entregar partes de baixa ou facer unha visita de cortesía, sempre que iso non interfira na recuperación.

    Teño a obriga de asistir a cursos de formación organizados pola empresa estando de baixa?

    Non. Durante a baixa médica o contrato está suspendido, o que significa que a persoa traballadora está impedida para traballar e, polo tanto, tamén para asistir a cursos organizados pola empresa.

    A formación promovida pola empresa considérase tempo efectivo de traballo, aínda que sexa fóra da xornada habitual. Por iso, só se poderá realizar o curso unha vez remate a situación de incapacidade temporal.

    A empresa pode prohibirme ir a cursos ou xornadas de formación que organice estando de baixa?

    Si. A formación organizada pola empresa considérase tempo de traballo. Se se está de baixa, non se pode participar porque a persoa traballadora está dispensada de realizar calquera actividade laboral.

    Ademais, calquera contratempo que sucedese nese contexto (un accidente, por exemplo) non estaría cuberto polo seguro. Polo tanto, mentres dure a baixa non se pode asistir a formación organizada pola empresa.

    Podo asistir a cursos, clases ou presentarme a exames e oposicións estando de baixa?

    Si, sempre que non prexudique a recuperación. Estar de baixa non impide continuar cos estudos, asistir a cursos que non organice a empresa nin participar en exames ou oposicións.

    O único límite aparece cando esas actividades son moi similares ao traballo que deu lugar á baixa. Por exemplo, se a incapacidade temporal é por unha lesión física, non sería recomendable presentarse a unhas probas deportivas.

    En todo caso, é aconsellable comentalo co persoal médico que leva o seguimento da baixa para que indique se pode haber algunha contraindicación.

    Debo acudir a claustros ou reunións convocadas pola empresa estando de baixa?

    Non. Durante a baixa o contrato está suspendido e, polo tanto, tamén a obriga de traballar. Isto inclúe asistir a claustros, reunións de coordinación ou calquera outra actividade laboral.

    Podo asistir a unha asemblea sindical no centro de traballo estando de baixa?Si, sempre que non supoña un risco para a recuperación. As asembleas teñen carácter sindical e non se consideran actividade laboral, polo que a asistencia a elas é compatible coa baixa.

    Iso si, debe terse en conta a situación persoal: se o desprazamento ou a permanencia na asemblea poden interferir no proceso de mellora, é mellor evitalo.

    Debo acudir ao centro de traballo se me convoca a empresa?

    Non. Mentres dure a baixa o contrato está suspendido, así que non existe obriga de acudir ao centro aínda que a empresa o solicite.

    Só se debería acudir se o desprazamento non interfire coa recuperación e existe unha causa plenamente xustificada (por exemplo, entregar documentación que non se poida remitir por outra vía).

    En resumo: a empresa non pode obrigar unha persoa en baixa a presentarse no centro de traballo.

    Se estou pluriempregada, podo estar de baixa nunha empresa e seguir traballando na outra?

    Non. A baixa médica afecta a todas as actividades laborais, independentemente de que sexan de distinta natureza.

    Isto significa que, aínda que nun traballo a actividade sexa sedentaria e no outro requira esforzo físico, hai que causar baixa en todas as empresas. Se non se fai, a Seguridade Social podería considerar que existe fraude.

    Non se pode cobrar a prestación por incapacidade temporal e, ao mesmo tempo, realizar unha actividade remunerada.

    Podo acudir a votar estando de baixa?

    Si. Estar de baixa non impide exercer o dereito ao voto.

    Só no caso de que, pola natureza da enfermidade, a persoa deba permanecer no domicilio, recoméndase optar polo voto por correo para garantir a participación.

    Se son delegado/a de persoal ou membro do comité, podo seguir exercendo o cargo durante a baixa?

    Si. A baixa médica suspende o contrato de traballo, pero non os dereitos de representación sindical.

    Segundo o Estatuto dos Traballadores, a incapacidade temporal só exime a persoa de prestar servizos e o empresario de pagar o salario. O resto de dereitos, incluído o de representar os compañeiros e compañeiras, mantéñense intactos.

    Por iso, unha persoa en baixa pode continuar asistindo a reunións do comité de empresa ou exercendo as funcións propias da representación sindical, sempre que iso non interfira coa súa recuperación.

    Podo tomar posesión dunha praza pública estando de baixa?

    Non. Para tomar posesión dunha praza é necesario estar de alta.

    Existen dúas opcións:

    1.- Solicitar a alta para poder tomar posesión e, se for necesario, volver pedir a baixa despois.

    2.- Esperar a recuperarse e tomar posesión no momento de recibir a alta.

    En todo caso, convén consultar coa Administración correspondente, xa que poden existir diferenzas entre elas.