Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

CCOO de Galicia expresa o seu pesar polo pasamento de Xesús Alonso Montero, gran defensor da clase traballadora, da lingua e a cultura galegas e comprometido coa recuperación democrática

    O seu compromiso fíxoo merecente dos Premios 10 de Marzo e dos Primeiro de Maio ao Compromiso Social e á Solidariedade

    12/02/2026.
    Fondo pesar polo pasamento de Alonso Montero.

    Fondo pesar polo pasamento de Alonso Montero.

    Hoxe Galicia está de loito. O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia manifesta o seu fondo pesar polo pasamento de Xesús Alonso Montero e quere transmitirlles as máis sentidas condolencias á familia e amizades. Profesor, intelectual e incansable loitador pola clase traballadora e pola memoria democrática, a pegada de Alonso Montero na Galicia contemporánea é incontestable nas súas varias facetas.

    O que foi presidente da Real Academia Galega (RAG) deixa como legado unha longa e prolífica traxectoria de loita e compromiso coa lingua e a cultura galegas, así como pola recuperación da democracia no noso país.

    As Comisións Obreiras de Galicia e a súa Fundación concedéronlle hai dúas décadas, en 2004, un dos Premios 10 de Marzo polo seu papel na defensa dos dereitos da clase traballadora e na loita contra o franquismo. Xa en 2012, a Unión Comarcal de CCOO de Vigo tamén o fixo merecente dunha distinción nos Premios Primeiro de Maio ao Compromiso Social e á Solidariedade.

    Ao longo da súa vida, o profesor, académico e ensaísta participou activamente nos movementos sociais, destacando pola súa firme oposición á ditadura e o seu compromiso coa recuperación da memoria histórica, especialmente logo da súa xubilación.

    Esa dedicación prolongouse ata os seus últimos tempos, coa participación activa en numerosos actos organizados por CCOO nesta materia. A súa derradeira aparición co sindicato foi en novembro de 2025, na presentación da súa obra Escritos sobre a represión franquista de 1936, no marco da exposición A Transición.