Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Marzo 2026.

CCOO de Galicia chama a participar no 8M: contra o odio antifeminista, reivindicamos os dereitos e o poder das mulleres

    Instamos o Goberno galego e o central a desenvolver políticas públicas que garantan condicións dignas para todas as persoas

    06/03/2026.
    Temas
    Cartel do 8M 2026.

    Cartel do 8M 2026.

    CCOO de Galicia fai un chamamento a unha participación masiva nos actos e manifestacións que se celebran con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. Nun momento en que a ultradereita espalla o odio antifeminista, o sindicato reivindica os dereitos e o poder de todas as mulleres e pide á cidadanía que tome as rúas para reclamar a igualdade plena.

    Cómpre lembrar que os dereitos humanos se vulneran acotío cando se discrimina a metade da poboación. Por iso, durante todo o ano, as CCOO loitamos polos dereitos das mulleres desde o noso eido, o laboral, coa idea de que o noso poder cambie as condicións laborais, pero tamén os modelos familiares, os centros de traballo, as relacións sociais e institucións e a sociedade enteira.

    Nun mundo reaccionario e inflado de odio antifeminista, a nosa organización, a través da súa propia acción e mais do acompañamento ás asociacións feministas galegas e estatais, exerce de dique de contención:

    --Reivindicamos os dereitos e o poder de todas as mulleres.

    --Avogamos polo internacionalismo dos dereitos das mulleres, así como pola súa innegociabilidade.

    --Insistimos nesa nosa acción sindical que muda o mundo laboral a través da negociación colectiva, cos plans de igualdade á cabeza.

    --Fornecemos a loita en prol da mellora das condicións laborais das que coidan, das traballadoras dos sectores precarios, en especial as traballadoras migrantes.

    --Traballamos como motor do cambio social cara a unha sociedade corresponsable nos coidados.

    A resposta da nosa acción é contundente fronte ás distintas violencias exercidas sobre as mulleres. Instamos o Goberno galego e mais ao central a desenvolver políticas públicas que garantan condicións dignas para todas as persoas.

    En especial, cada 8 de marzo, desde CCOO facemos un chamamento a toda a nosa afiliación e a todas as mulleres e homes da sociedade galega a unirse ás manifestacións convocadas por todo o país en prol da igualdade para as mulleres.

    Como cada 8M, tomemos as rúas co poder transformador das mulleres en prol dun mundo máis xusto, dun mundo mellor!

    CCOO de Galicia estará presente nas seguintes manifestacións e concentracións:

    --A Coruña: saída no Obelisco e chegada na praza das Cigarreiras. Domingo, 18:00.

    --Ferrol: saída na praza de Amada García (Xunta) e chegada na praza do Concello. Domingo, 19:00.

    --Lalín: KM 0. Domingo, 12:00.

    --Lugo: Diante da Xunta. Domingo, 12:00.

    --Ourense: Castañeira (Subdelegación). Domingo, 18:00.

    --Pontevedra: Praza da Peregrina. Domingo, 11:30.

    --Ribadeo: Aparcadoiro rotonda entrada da vila. Domingo, 12:00.

    --Ribeira: Praza do Concello. Domingo, 12:30.

    --Santiago de Compostela: Saída na Praza 8M e cjegada en Praterías. Domingo, 20:00.

    --Vilagarcía: Praza de Galicia. Domingo, 12:00.

    --Vigo: Saída na praza de España e chegada na Porta do Sol. Domingo, 18:00.