Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 4 Abril 2026.

Unhas 3000 persoas esixen nas rúas de Ferrol emprego con dereitos, igualdade real e fortalecer os servizos públicos

    No primeiro Día da Clase Obreira Galega sen Suso Díaz, CCOO salienta que a súa responsabilidade, o seu compromiso e a súa entrega representan a esencia da organización

    10/03/2026.
    Manifestación Día da Clase Obreira Galega.

    Manifestación Día da Clase Obreira Galega.

    Unhas 3000 persoas percorreron a mañá deste martes as rúas de Ferrol convocadas por CCOO para conmemorar o Día da Clase Obreira Galega, que lembra os feitos ocorridos o 10 de marzo de 1972, cando a policía franquista asasinou dous traballadores, Amador Rey e Daniel Niebla, e feriu máis dun cento. Os manifestantes esixiron emprego con dereitos, igualdade real e un fortalecemento do servizos públicos ante o crucial momento que afronta Galicia.

    Despois de completar o percorrido entre Navantia e o monumento do 10M, a manifestación rematou cos discursos de Amelia Pérez, secretaria xeral de Comisións Obreiras de Galicia, e de Alex Bello, secretario xeral da Unión Comarcal de Ferrol, encargada de organizar os actos. Antes marchar polas rúas, os representantes do sindicato participaron na ofrenda floral institucional, que ten lugar ao pé da escultura.

    Trátase do primeiro Día da Clase Obreira Galega desde o falecemento de Suso Díaz, ex secretario xeral do sindicato e un dos grandes impulsores desta efeméride. «Suso representa a esencia de CCOO: a responsabilidade, o compromiso e a entrega da vida ao servizo dos demais. A súa despedida non é só unha perda persoal, é unha chamada á responsabilidade para todas as persoas que formamos parte das CCOO. A memoria histórica do sindicalismo non se constrúe só con nomes do pasado, senón coa continuidade da loita que eles encarnaron», reza o manifesto.

    O sindicato denuncia a precariedade estrutural na que as políticas dos últimos anos están deixando a Galicia, en especial a mocidade e as mulleres. Malia os avances na reforma laboral de 2021, a súa aplicación efectiva atópase fronte aos atrancos dun empresariado que segue a apostar pola flexibilidade extrema. Os datos do paro ocultan salarios insuficientes, xornadas parciais involuntarias e contratos temporais encadeados que impiden proxectos de vida dignos.

    Ademais, Galicia vive nun contexto de crise industrial que mantén en tensión a milleiros de familias. Unha situación que Comisións Obreiras atribúe á ausencia dunha política industrial propia e ambiciosa por parte da Xunta de Galicia. A desindustrialización continúa avanzando sen unha planificación a longo prazo que garanta o mantemento das capacidades estratéxicas do país, en particular en Ferrolterra e na comarca de Vigo. Nese senso, CCOO reclama unha transformación ecolóxica e dixital que vaia acompañada de xustiza social e non dea as costas á sociedade nin aos dereitos laborais.

    A situación tamén é moi preocupante nos servizos públicos: a sanidade dá síntomas de colapso nas listaxes de agarda; o ensino sofre falta de investimento e a dependencia derivou nun negocio para empresas privadas. A iso hai que engadirlle a incapacidade das Administracións de frear a escalada do mercado inmobiliario, cos prezos da vivenda anulando as subas salariais logradas nos convenios.

    «Con motivo do Día da Clase Obreira Galega, CCOO de Galicia fai un chamamento público á mobilización. Galicia precisa un cambio de rumbo que poña as persoas no centro das políticas públicas. Esiximos emprego de calidade, servizos públicos fortalecidos, igualdade real, xustiza fiscal e social, pensións e salarios dignos, memoria e dereitos».