Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 5 Xullo 2026.

CCOO reclama que o Consello Galego das Persoas Maiores garanta unha participación real nas políticas públicas

    A Federación de Pensionistas de CCOO de Galicia acaba de rexistrar as súas achegas á consulta previa do decreto polo que se crea e regula o Consello Galego das Persoas Maiores.

    08/06/2026.
    Ramiro Otero, secretario xeral da Federación de Pensionistas de CCOO de Galicia

    Ramiro Otero, secretario xeral da Federación de Pensionistas de CCOO de Galicia

    A constitución deste órgano é unha reivindicación do sindicato desde hai máis dunha década, concretamente tras a supresión unilateral, no ano 2015, do anterior órgano de participación institucional das persoas maiores. Desde aquela, Comisións Obreiras esixe a súa recuperación, pois a desaparición deixou sen representación directa nas políticas públicas un colectivo que representa «unha parte moi relevante» da poboación galega.

    A Federación de Pensionistas considera que a posta en marcha do Consello Galego das Persoas Maiores permitirá recuperar un espazo de participación institucional necesario para que as persoas maiores poidan facer chegar as súas demandas e contribuír de forma efectiva ao deseño, desenvolvemento e avaliación das políticas públicas que lles afectan.

    Malia esta acollida positiva, considera que o Consello Galego das Persoas Maiores debe ser «un órgano de participación real e non só consultivo». Neste sentido, defende que as persoas maiores poidan participar tanto na planificación, como na execución e seguimento das políticas públicas que afectan ao seu benestar, á súa calidade de vida e aos servizos dos que son destinatarias.

    Entre as propostas trasladadas á Administración autonómica, CCOO aposta por un modelo de funcionamento baseado nun único órgano plenario e por unha composición plural na que estean representadas as consellarías relacionadas co benestar e a calidade de vida das persoas maiores, a Administración central, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), as organizacións sindicais intersectoriais máis representativas de Galicia —a través das súas federacións ou agrupacións de persoas maiores—, a organización empresarial máis representativa e as principais organizacións de persoas maiores da comunidade.

    Canto ás funcións do Consello, o sindicato coida «imprescindible» que informe con carácter preceptivo os proxectos normativos e os plans relacionados con este colectivo, ademais de realizar o seguimento e a avaliación da súa aplicación e do seu nivel de execución. Tamén propón que reciba información sobre as convocatorias de subvencións e axudas dirixidas á terceira idade, que promova estudos e campañas orientadas á mellora da calidade de vida das persoas maiores e que poida elaborar propostas de actuación para trasladalas ás distintas Administracións e entidades implicadas.

    Ademais, CCOO reclama que o Consello conte cun regulamento de funcionamento propio que se aprobe nun prazo máximo de seis meses desde a súa constitución, que convoque como mínimo tres reunións anuais e que os seus pronunciamentos sobre os proxectos normativos adopten a forma de ditames elaborados polo propio órgano.