Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 18 Novembro 2026.

Vigo revive a histórica folga de 1972 con proxecto teatral interxeracional

    Once adolescentes poñen en escena unha recreación daquela mobilización clave para a loita da clase obreira galega.

    16/11/2026.
    Os adolescentes durante a posta en escena (imaxes cedidas por ButacaZero).

    Os adolescentes durante a posta en escena (imaxes cedidas por ButacaZero).

    O pasado 12 de novembro, ao outro día da folga do 11N, estreouse na sala Artika de Vigo 1972, unha obra de teatro sobre outra folga xeral: a que se desenvolveu nesa cidade ao longo de 15 días do mes de setembro de 1972, en plena ditadura franquista. A Fundación 10 de Marzo, invitada pola Unión Comarcal de CCOO de Vigo, participou neste proxecto. Un grupo de once adolescentes, acompañados de profesionais das artes escénicas (coreografía, sonoplastia, iluminación, videoescena), investigan na escena sobre aquela mobilización que paralizou a cidade.

    En 1972, eses o once adolescentes, en colaboración con Esther F. Carrodeguas (dramaturxia), Xavier Castiñeira (dirección) e Pia Nicoletti (coordinación pedagóxica), organízanse colectivamente para «bailar a loita». Reviven cos seus corpos e voces a enerxía e o espírito dun episodio do noso pasado do que non quedou nin unha soa imaxe para a posteridade; nin un só vídeo.

    1972 forma parte do proxecto homónimo de creación-mediación no que o primeiro chanzo público foi un parladoiro celebrado no mes de outubro. Nese acto, adolescentes de hoxe e protagonistas da loita do 72 compartiron preguntas e respostas sobre o escenario do Marco de Vigo. Nunha segunda fase, realizouse un roteiro por algúns puntos da xeografía viguesa importantes para a folga de 1972.

    A obra é unha coprodución de Teatro del Barrio, o Comisionado para a celebración dos 50 anos de España en Liberdade e ButacaZero.