Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2024.

CCOO asina os acordos do diálogo social para avanzar cara a unha Galicia máis igualitaria e sostible

  • Ramón Sarmiento, secretario xeral de CCOO: «seremos esixentes e contundentes co seguimento do asinado e coa execución do orzamento que acompaña este pacto»

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) asinou hoxe «Acordos para avanzar cara a unha Galicia máis igualitaria e sostible», froito de dez meses de negociacións no ámbito do diálogo social tripartito coa Xunta de Galicia, a UGT e a patronal galega. O acto formal de asinamento tivo lugar esta mañá no pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela.

10/12/2019.
Asinados os novos acordos do diálogo social

Asinados os novos acordos do diálogo social

Na súa intervención, o secretario xeral de CCOO, Ramón Sarmiento, recalcou que un dos obxectivos dos acordos é «conservar o que temos». Con todo, alertou da situación «grave, de emerxencia a curto e medio prazo» en sectores estratéxicos da economía galega.

«En Comisións Obreiras sentímonos reafirmados e identificados no contido destes acordos», apuntou Sarmiento, «que deben ter axiña tradución en normas e orzamentos». Neste sentido, afirmou que «seremos esixentes e contundentes co seguimento do asinado e coa execución do orzamento que acompaña este pacto».

Acordos asinados

Igualdade de oportunidades no ámbito laboral

Chégase a acordos relativos ao impulso e acompañamento en materia de igualdade laboral e de oportunidades e contra a fenda salarial; sobre a programación e contidos mínimos da formación en igualdade laboral en Galicia; revisión dos procedementos de recoñecemento da igualdade na empresa; ferramentas para a promoción, medición e mellora da igualdade laboral e de oportunidades.

A necesidade de impulsar e mellorar a participación sindical na negociación de plans de igualdade require que o conxunto da organización dispoña de asesoramento técnico e formación específica. Neste sentido, CCOO creará un gabinete técnico de igualdade para garantir un avance cualitativo na implantación de políticas de igualdade no ámbito laboral. O seu traballo ligarase a un programa de formación, do que se establecen os contidos mínimos obrigatorios e que, co apoio da Unidade Administrativa de Igualdade da Xunta, se dirixirá ás persoas participantes na negociación dos convenios colectivos e mais dos plans de igualdade.

Cláusulas sociais na contratación pública

A premisa de CCOO na negociación foi mellorar o emprego que xeran a Xunta de Galicia e o conxunto de Administracións públicas a través dos seus procesos de licitación, garantindo a aplicación efectiva da Lei de contratación do sector público nos propios pregos de condicións, que incluirán o orzamento suficiente para asegurar a aplicación dos convenios sectoriais e as súas actualizacións. Ademais disto, no marco dos acordos recóllese que os pregos de licitación cumpran a normativa de seguridade e saúde laboral, incluír o plan de igualdade e incorporar, como mínimo, dúas cláusulas sociais.

Impulso para a transformación tecnolóxica da industria galega

A economía galega debe converter nun marco de oportunidades os procesos de transición tecnolóxica e enerxética. Neste sentido, desenvólvense distintas iniciativas para atraer, reter e impulsar investimentos que sitúen as nosas empresas, con suficiencia de recursos, nos ámbitos globalizados da innovación e a investigación. A capacidade de interlocución dos axentes sociais galegos debe intensificarse e decantarse pola cultura da cooperación, co desenvolvemento dunha política industrial de longo prazo que asegure un crecemento económico inclusivo. Dese crecemento han participar e beneficiarse amplos segmentos da sociedade, coa xeración de máis actividade económica e máis emprego nos sectores industriais.

En concreto, chégase a acordos sobre a Axenda Industria 4.0 de Galicia e sobre a transición enerxética xusta.

Políticas activas de emprego

O escenario de minoración do crecemento económico e o impacto no emprego de procesos como o brexit ou a guerra comercial e arancelaria obrigan a establecer mecanismos que compensen os traballadores e traballadoras afectados por expedientes de regulación temporais, así como a redución salarial que sofren durante o desemprego; tamén se han reconverter os episodios de menor actividade en períodos de formación e recualificación. A incorporación dos mozos e mozas ao mercado de traballo impulsarase mediante incentivos á figura da xubilación parcial con contrato de remuda; e ás persoas traballadoras maiores de 55 anos que se poidan ver afectadas por crises empresariais, financiaráselles o custo da Seguridade Social ou a posible afectación das indemnizacións pola aplicación dos topes do FOGASA.

No marco do diálogo social chégase a acordos para a posta en funcionamento dun plan de recualificación profesional de persoas paradas de longa duración maiores de 45 anos; sobre o programa de axudas ás empresas para a contratación de remudistas e sobre axudas para favorecer o mantemento de emprego ante flutuacións económicas.

Modernización das relacións laborais

Froito do traballo desta mesa chegouse a un acordo, asinado hai xa uns días, para estender aos conflitos individuais a eficacia do procedemento para a resolución extraxudicial de conflitos colectivos (AGA).

Emenda ás políticas actuais

A marcada desigualdade do mercado de traballo xunto coa axenda errática na política de desenvolvemento económico «esixen o esforzo de tensar as mobilizacións e as negociacións para ir conseguindo avances coas nosas propostas», explica o secretario xeral de CCOO. «No noso ámbito de intervención sociopolítica, debemos reivindicar a nosa contribución nestes acordos de diálogo social, que emende unha parte da política do PP», salienta Sarmiento. A intervención institucional no seu conxunto está chamada a ser determinante nun momento de fortes transformacións globais que impactan na nosa economía e no conxunto da sociedade.

Documentación asociada
Documentación asociada