Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Marzo 2024.

Subir o salario mínimo e derrogar a reforma laboral. Agora si toca!

     Durante os meses de pandemia, UGT e CCOO demostramos con fartura o noso compromiso coa sociedade española. Baixo a premisa do consenso, nuns momentos de tremenda dificultade, impulsamos toda unha serie de acordos que permitiron construír unha inédita rede de protección para o tecido produtivo e as persoas deste país. Con ela, impedimos que, como en crises anteriores, se destruísen millóns de postos de traballo e miles de empresas, trazando unha dirección de signo distinto, social, á política que se ha executar ante as dificultades consecuencia da aparición e extensión da COVID-19.

    13/07/2021.
    Agora si toca subir o SMI e derrogar a reforma laboral

    Agora si toca subir o SMI e derrogar a reforma laboral

    Porén, nestes momentos en que, aínda que de forma tímida, xa se albisca a saída da crise, topámonos con posicións no Goberno que, amparadas en inexistentes condicionamentos europeos ou en bloqueos arrevesados da patronal, impiden avances en ámbitos esenciais e imprescindibles para a igualdade social e a distribución da riqueza.

    Conseguimos acadar un acordo en materia de pensións, desde o diálogo social, pero non podemos permitir que a saída da crise se efectúe, como nas crises anteriores, á custa da clase traballadora. Por iso, este próximo 14 de xullo volveremos a mobilizarnos para lle esixir ao Goberno que cumpra cos compromisos adquiridos coas organizacións sindicais e coa sociedade en materia de mellora do smi ao longo desta lexislatura e a derrogación da reforma laboral.

    A conxelación do salario mínimo interprofesional sepáranos da liña de acción maioritaria dos países da nosa contorna e ten un impacto negativo sobre o salario das persoas que menos ingresos teñen, especialmente sobre as mulleres, agrandando a fenda salarial de xénero. O Goberno mostra unha inaudita compracencia con sectores empresariais non prexudicados pola crise e négalles aos sectores máis precarios da clase traballadora, aqueles aos que non chega a negociación colectiva, unha protección indispensable nunha condición material tan esencial para o seu desenvolvemento vital como é a súa retribución.

    Hai que avanzar en inverter os aspectos máis lesivos das reformas laborais de 2010 e de 2012, así como tomar medidas para acabar cos abusos e fraudes na contratación. Se CEOE e CEPYME van continuar pola vía do bloqueo na negociación, o Goberno terá que avanzar no terreo lexislativo para ser coherente co seu programa. CCOO e UGT van seguir apostando por unha negociación con contidos que limite a temporalidade no noso país; que sitúe o despedimento como última opción das empresas; que habilite formas de flexibilidade interna e adaptacións de xornada como forma preferente para evitar eses despedimentos; que equilibre a negociación colectiva; que mellore a participación organizada das traballadoras e os traballadores nas relacións laborais na empresa, descartando a unilateralidade empresarial.

    En suma, a actual situación política require que as organizacións sindicais sigamos dando pasos á fronte, para impedir que todas as actuacións relatadas e outras cheguen a termo, quebrando unha liña política comprometida co progreso, a xustiza social e a distribución da riqueza. Por iso, animámosvos a todas e todos a participardes nas accións que imos levar a cabo, co claro fin de alumar os cambios que esta sociedade necesita e non outros. Porque agora si toca!

    CONCENTRACIÓN

    Concentración o mércores, 14 de xullo, ás 12:00, diante da Delegación do Goberno en Galicia (praza de Ourense, A Coruña).