Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 20 Abril 2024.

Masivo seguimento en Galicia da folga para rexeitar o ERE no Banco Sabadell

    O persoal do Banco Sabadell secundou masivamente a convocatoria de folga para rexeitar o ERE proxectado pola entidade, que pretende despedir a máis de 1700 persoas en todo o Estado. En Galicia, a mobilización centrouse na Coruña. A seguinte xornada de folga, o venres, incluirá manifestación en Santiago de Compostela.

    06/10/2021.
    Manifestación na Coruña contra o ERE no Banco Sabadell

    Manifestación na Coruña contra o ERE no Banco Sabadell

    Para CCOO-Servizos, non concorren causas que xustifiquen o despedimento colectivo que pretende acometer o banco. De feito, no que vai de ano, malia o axuste de 1800 empregos no primeiro trimestre —40 deles en Galicia— entre prexubilacións e saídas voluntarias, fixo máis de 200 novas contratacións en todo o Estado, «sinal de que non sobra ninguén».

    O sindicato explica que tampouco o xustifican causas económicas, porque o Sabadell pechou o primeiro semestre do ano cun beneficio neto atribuído de 220 millóns de euros —un 51,5 % de incremento interanual— e prevé pagar un dividendo do 30 % do beneficio.

    Tampouco se dan razóns técnicas ou produtivas, pois non houbo cambios nin nos medios nin nos instrumentos de produción —que son financeiros e non sofren obsolescencia—, nin variou a demanda dos produtos e servizos financeiros. De feito, debido á pandemia hai máis demanda de refinanciamentos, avais do ICO e doutros organismos públicos, e proximamente os bancos serán os canalizadores dos fondos europeos Next Generation, o que incrementará a carga de traballo.

    Finalmente, CCOO sinala que non hai causas organizativas que se poidan aducir para este despedimento colectivo, xa que os posibles cambios de sistemas ou métodos de traballo non son alleos á entidade, «senón forzados por ela». Neste punto, a única razón organizativa podería ser a dixitalización, «pero nin sequera os clientes están tan familiarizados co contorno dixital como se quere dar a entender e como proba a afluencia ás oficinas», puntualiza o sindicato.

    Por todo iso, CCOO rexeitará calquera medida traumática en materia de emprego; calquera saída deberá ser voluntaria ou mediante prexubilacións anticipadas e xubilacións —no Banco Sabadell hai uns dous mil traballadores e traballadoras maiores de 55 anos—, na liña do asinado o pasado mes de decembro.

    Folga e manifestación o venres

    O venres volverá haber folga en todas as oficinas do Sabadell en España. En Galicia, Santiago de Compostela acollerá a manifestación central, que partirá ás 11:30 da oficina que a entidade bancaria ten na rúa do Hórreo. A segiur pecorrerá as seguintes rúas: praza de Galicia, Doutor Teixeiro, República do Salvador, Xeneral Pardiñas, Montero Ríos e de novo a Praza de Galicia.