Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 26 Abril 2024.

CCOO denuncia o incremento de accidentes mortais no traballo.

    05/06/2022.
    Preocupante incremento dos accidentes mortais

    Preocupante incremento dos accidentes mortais

    O ano 2021 pechouse con 48 vítimas mortais en xornada laboral en Galicia, cifra que se vén repetindo ano tras ano, e dá a sensación de que é asumida e se pretende normalizar por parte da Administración e do colectivo empresarial. 

    Dar por feito que cada ano un número indeterminado de persoas van perder a vida polo simple feito de acudir ao seu posto de traballo é tan perigoso como non poñer os medios necesarios para acabarmos de vez con esta problema. Os datos de sinistralidade do primeiro trimestre deste ano son alarmantes e arrepiantes: o incremento dos accidentes mortais nun 650 % describe por si só a preocupante situación. Trinta persoas faleceron neste trimestre e catro no 2021. 

    Detrás destes accidentes existe sempre algún tipo de incumprimento, de falta de medidas e medios de prevención, de neglixencia empresarial, de precariedade laboral e moi pouco control por parte dos organismos competentes. Necesitamos poñer a prevención de riscos laborais no centro da recuperación e as persoas no centro de todas as políticas. Porque a saúde é un dereito fundamental tamén no traballo. 

    Non nos podemos resignar a contabilizar máis de 1 300 000 accidentes de traballo e máis de 700 mortes ao ano en España, 26 000 accidentes e 48 mortes ao ano en Galicia. Custa moito dixerir que ano a ano se sigan producindo mortes por causas que facilmente se poden previr e evitar, como as caídas en altura, golpes e atrapamentos ou os recentes accidentes no mar. Cómpre ampliar os recursos humanos e materiais da Inspección de Traballo e dos organismos técnicos como o Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo, e unha Fiscalía que acometa con máis intensidade a súa acción nos delitos de risco e de dano á saúde das persoas traballadoras. Tampouco pode faltar a creación do delegado ou delegada de prevención territorial e/ou sectorial para todas aquelas empresas que non teñen representación sindical.

    Deben incorporarse ao ordenamento español directivas como as de canceríxenos ou de radiacións ionizantes, sen rebaixar os niveis de protección vixentes en España e sen incumprir os períodos máximos de transposición, como vén sucedendo. Hai que actualizar o cadro de enfermidades profesionais e cambiar o seu sistema de notificación por outro máis operativo 

    Pero non é suficiente. Desde CCOO esixímoslle á Administración, cos seus órganos competentes, e aos Gobernos de Galicia e do Estado que cumpran coa súa obriga de implicarse totalmente en frear esta dramática situación que día tras día sofren os traballadores e traballadoras e as súas familias, xa abonda de promesas e falsidades, poñan os medios necesarios para acabar con este pesadelo. 

    Máis información: