Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 24 Abril 2024.

CCOO maniféstase en Noia en defensa do futuro da planta de reciclaxe de Lousame

    Centos de persoas secundaron as mobilizacións convocadas polo comité de empresa ante a falta de compromiso da mancomunidade na defensa do modelo de xestión da planta de Lousame.

    19/06/2022.
    manifestación en defensa da planta de Lousame

    manifestación en defensa da planta de Lousame

    A planta de Lousame, posiblemente a mellor planta de reciclaxe do Estado español, arrastra desde hai anos unha serie de problemas que ameazan o seu futuro, en boa medida pola «nefasta» xestión por parte dos concellos que integran a Mancomunidade. Isto levou o persoal a se mobilizar xa en diversas ocasións dende xuño de 2021.

    A falta de investimento nas instalacións, os medios obsoletos e os constantes problemas xudiciais entre a institución supramunicipal e a concesionaria son algunhas das eivas que foron lastrando as prestacións da planta. O último capítulo é a pretensión da Mancomunidade de prorrogar o contrato con FCC sen introducir melloras e, por riba, suprimindo a quenda de noite, o que provocará a perda de numerosos postos de traballo.

    O comité solicitou en reiteradas ocasións a colaboración da Xunta de Galicia, pero a Administración autonómica deixou claro que a súa aposta é o modelo de Sogama, a incineración. Tamén se procurou apoio da Deputación da Coruña, cuxo presidente manifestou nunha reunión a comezos de ano a súa coincidencia coas reivindicacións dos representantes do persoal.

    Unha das principais demandas é que se nomee un xerente ou xeranta da Mancomunidade, pois un dos problemas detectados é a falta de xestión, derivada en boa medida de que a presidencia do organismo é rotatoria —actualmente preside o alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, do PSdeG.

    Tamén houbo unha xuntanza co propio Saborido, para trasladarlle os acordos a que se chegara co presidente da Deputación. O rexedor carnotán manifestou verbalmente que se traballaría nesa liña, pero finalmente o comité acabou coñecendo extraoficialmente que a proposta será outra, a prórroga con recortes.

    Esta situación súmase ao que CCOO cualifica de «prácticas antisindicais» da empresa e que afectan aos distintos sindicatos. No caso de Comisións, a sanción «inxustificada» de quince días de suspensión de emprego e soldo contra un delegado deste sindicato, así como a negativa a que outro compañeiro do sindicato forme parte do comité de seguridade e saúde laboral. «Estas prácticas están sendo analizadas polos nosos servizos xurídicos», sinalou Ricardo Santos, secretario de Comunicación de CCOO-Hábitat.

    Por todo isto, o comité de empresa, integrado por CCOO, CIG e UGT, saíu hoxe á rúa para retomar as mobilizacións, esixindo que os concellos se impliquen na procura dunha solución.

    Ligazóns: