Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Abril 2024.

CCOO rexistra na Xunta as demandas para as persoas pensionistas e xubiladas

    A Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO presentou este venres un escrito no rexistro da Xunta de Galicia coas reivindicacións do sindicato con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, que se conmemora en todo o mundo mañá sábado, 1 de outubro. A saúde, a vivenda, as relacións sociais e os coidados son as principais preocupacións das persoas maiores, que, como grupo de risco ante a covid, aínda sofren as consecuencias da pandemia.

    30/09/2022.
    De esq. a der., Xoán Carlos Aneiros, secretario de Organización da FPX-CCOO e Carlos Mella, secretario xeral da FPX-CCOO

    De esq. a der., Xoán Carlos Aneiros, secretario de Organización da FPX-CCOO e Carlos Mella, secretario xeral da FPX-CCOO

    Para CCOO, a crise sanitaria puxo o foco sobre as residencias, «onde se infectaron e faleceron un número moi elevado de persoas maiores residentes», nunha gran cantidade de casos «sen recibiren asistencia médica». A calidade da atención e as condicións laborais fixeron saltar as alarmas sobre a necesidade de aumentar o control sobre uns centros que na meirande parte (70 %) son privados.

    España, igual ca outros países da súa área, ten que afrontar o desafío de asegurar a calidade de vida das persoas maiores, grupo de idade que aumenta como consecuencia do envellecemento poboacional, especialmente no medio rural. Actualmente, o 20 % da poboación española ten máis de 65 anos, polo que a atención e os coidados son elementos cruciais para asegurar a calidade de vida das persoas maiores residentes neses núcleos poboacionais.

    Defender os servizos públicos e o envellecemento activo

    A pandemia da covid-19 visualizou a relevancia que teñen os servizos públicos para garantir o benestar de todas as persoas, pero tamén se constataron as eivas do sistema. Cómpre máis atención ás persoas no seu domicilio, identificar as persoas con maiores necesidades e priorizar as consideradas imprescindibles en cada caso para, así, poder reorganizar os recursos.

    Por outra parte, os sistemas públicos de saúde, dependencia e servizos sociais son esenciais para lograr envellecer en condicións saudables e con autonomía. Ademais, son «instrumentos para loitar contra a desigualdade en todas as etapas da vida, abordando as diferenzas territoriais existentes así como a cobertura de servizos e recursos destinados ás persoas maiores», sinala CCOO.

    Outras demandas de CCOO son o reforzamento da sanidade pública, sobre todo a atención primaria; o impulso da atención domiciliaria ás persoas dependentes; dotar as residencias de máis persoal e medios; fortalecer a función de inspección das residencias que compete ás Administracións; impulsar unha lei integral dos dereitos das persoas maiores; reducir do prezo dos bens e servizos esenciais e revisar os criterios do acceso ao bono social térmico para ampliar a súa cobertura.

    Defender as pensións

    Por último, CCOO avoga polo diálogo social como mellor xeito de defender o sistema público de pensións. Neste sentido, chama a seguir o exemplo do último acordo asinado, que garante a revalorización coa media da suba do IPC de decembro a novembro e elimina o factor de sostibilidade —que facía perder poder adquisitivo ás futuras pensións—, entre outras melloras.