Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 9 Novembro 2024.

CCOO transmite toda a nosa solidariedade ás poboacións dos territorios afectados pola gota fría e o pésame ás familias e persoas achegadas das vítimas

    Non podemos entender que se mantivera a actividade laboral cando xa era coñecido o risco de inundación. Hai empresas que obrigaron as persoas traballadoras a permanecer ou acudir aos seus postos de traballo malia estar fronte a un risco grave e inminente.

    30/10/2024.
    DINA que afectou a zonas do País Valenciano, Castela-A Mancha e Andalucía.

    DINA que afectou a zonas do País Valenciano, Castela-A Mancha e Andalucía.

    Desde CCOO queremos expresar a profunda consternación que nos causan as noticias sobre o elevado número de vítimas mortais produto da DINA (depresión illada en niveis altos) que asolou nas últimas horas zonas do País Valenciano, Castela-A Mancha e Andalucía. En primeiro lugar, queremos transmitir toda a nosa solidariedade ás poboacións dos territorios afectados e o pésame ás familias e persoas achegadas das vítimas; e, por suposto, agradecer os esforzos dos diferentes servizos de emerxencia que están a actuar para paliar as consecuencias do desastre.

    Tamén consideramos que se debe reflexionar sobre as consecuencias deste acontecemento en termos de seguridade e saúde no traballo, porque moitas persoas faleceron ou víronse afectadas mentres traballaban, polo que, en caso de sufriren danos, terán a consideración de accidente de traballo. Pero, ademais, debemos lembrar que nos enfrontamos a un risco que ten que ser avaliado polas empresas e para o que se deben adoptar medidas preventivas.

    CCOO denuncia o mantemento da actividade laboral cando xa era coñecido o risco de inundación

    Desde CCOO denunciamos que hai empresas que obrigaron a persoas traballadoras a permanecer ou acudir aos seus postos de traballo, a pesar de que se enfrontaban a un risco grave e inminente, e poñemos ao dispor das persoas afectadas por esta situación os servizos do sindicato para defender os seus dereitos laborais. Así mesmo, esiximos ás Administracións unha investigación a fondo do sucedido para que se adopten as medidas sancionadoras e correctoras necesarias, sen descartar, se for o caso, as responsabilidades penais ou do tipo que foren.

    Os fenómenos meteorolóxicos adversos, cuxos efectos devastadores están a aumentar como consecuencia do cambio climático, son tamén un risco laboral que debe ser avaliado e prevido polas empresas para garantir a saúde e a vida das persoas traballadoras.

    O artigo 15 da Lei de prevención de riscos laborais inclúe entre os principios da acción preventiva que deben ter en conta as empresas evitar os riscos, avaliar os que non se poidan evitar, planificar a prevención, adoptar medidas que antepoñan a protección colectiva á individual e dar as debidas instrucións ás persoas traballadoras, entre outros. O risco de fenómenos meteorolóxicos adversos é un risco como calquera outro e hai que lles aplicar estes principios de acción preventiva.

    Pero ademais, hai unha norma que os ten en conta de maneira explícita: a Real decreto lei 4/2023. Na súa disposición final primeira modifica o RD 486/1997 de lugares de traballo, para garantir a adopción de medidas adecuadas para a protección das persoas traballadoras fronte a calquera risco relacionado con fenómenos meteorolóxicos adversos, incluíndo temperaturas extremas, a partir da avaliación de riscos. Indica que “as medidas preventivas incluirán a prohibición de desenvolver determinadas tarefas durante as horas do día nas que concorran fenómenos meteorolóxicos adversos, naqueles casos en que non poida garantirse doutro xeito a debida protección da persoa traballadora” como sucedeu nas últimas horas. E obriga á adopción destas medidas, incluída a paralización da actividade laboral, “cando a Axencia Estatal de Meteoroloxía ou, no seu caso, o órgano autonómico correspondente no caso das comunidades autónomas que conten co devandito servizo, dea un aviso de fenómenos meteorolóxicos adversos de nivel laranxa ou vermello”.

    A AEMET emitiu con antelación suficiente o aviso de fenómenos meteorolóxicos adversos de nivel laranxa e vermello nas zonas onde finalmente se produciu a catástrofe. Con todo, mantívose a actividade laboral en numerosas empresas, poñendo en risco un gran número de persoas, o que supón un incumprimento da lexislación preventiva vixente.

    Fenómenos meteorolóxicos e cambio climático 

    Os fenómenos meteorolóxicos adversos serán máis frecuentes e intensos nos próximos anos como consecuencia do cambio climático, e a sociedade española debe estar preparada para afrontalos.