Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Febreiro 2025.

12 meses de sensibilización en prol da igualdade no eido laboral. Definicións do mes de xaneiro

    O Gabinete de Igualdade de CCOO estrea na web a campaña «2025: 12 meses de sensibilización en prol da igualdade no eido laboral».

    27/01/2025.
    Definicións do mes de xaneiro da campaña '12 meses pola igualdade'

    Definicións do mes de xaneiro da campaña '12 meses pola igualdade'

    Trátase dunha campaña de sensibilización para favorecer a incorporación dos conceptos e a terminoloxía sobre a igualdade á comunicación cotiá deste sindicato e das persoas que se achegan á súa web, pois a familiarización cos termos imbuiranos do significado destes conceptos que definen a loita por unha democracia plena.

    FEMINISMO

    O feminismo, segundo o Diccionario de la lengua española da RAE, defínese como o «principio de igualdade de dereitos da muller e o home» e, na súa segunda acepción, como «movemento que loita pola realización efectiva en todas as ordes do feminismo».

    Outros dicionarios recollen diversas definicións para o feminismo como conxunto de movementos sociais que teñen unha meta común: a igualdade entre mulleres e homes e a fin da opresión masculina, a través das distintas violencias, sobre as mulleres.

    (Podes consultar unha definición máis completa no documento anexo).

    ANDROCENTRISMO

    Este enfoque, presente en todas as ramas do saber, só ten en conta a perspectiva masculina para xeneralizar despois os resultados a toda a poboación. Chéganos así unha visión tendenciosa do mundo na que o home é o centro de todas as cousas. Ao ser unha concepción nesgada da realidade, supón a asunción de que a única mirada posible e universal é a masculina. 

    Pero, ao identificar o universal e neutro coa realidade exclusivamente masculina, implica a invisibilidade das mulleres e da súa realidade. Négase a mirada feminina e ocúltanse as achegas das mulleres. A transmisión cultural do androcentrismo acapara desde a tradición oral e o refraneiro popular, ata os tratados científicos, artísticos e relixiosos, convertendo a sociedade nun lugar de invisibilización da perspectiva e da experiencia das mulleres.

    PATRIARCADO

    O sistema patriarcal, ou patriarcado, asúmese como unha manifestación e institucionalización do dominio masculino sobre as mulleres e menores da familia, que se amplía ás mulleres da sociedade en xeral, para o cal a reacción máis lóxica será o feminismo.

    Algunhas definicións do patriarcado explícano como un sistema completo, construído ao longo da historia, para enxalzar a supremacía do varón sobre o poder e a propiedade. Co exercicio dun liderado indiscutible, apoiado no androcentrismo, perpetúa o control dos homes sobre os recursos e as mulleres mediante prácticas de violencia. Por iso, nos anos 70, o feminismo comezou a colocar este sistema androcéntrico como eixe central da opresión das mulleres.

    MACHISMO

    O machismo busca a superioridade do home respecto da muller. Trátase dunha ideoloxía que defende a desigualdade en aspectos sociais, culturais e económicos, situando os homes por encima das mulleres e xustificando formas de opresión, dominación, segregación e violencias específicas que sofre quen non sexa home.