Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Setembro 2025.

12 meses de sensibilización en prol da igualdade no eido laboral. Definicións do mes de agosto

    Nova entrega da campaña de sensibilización do Gabinete de Igualdade de CCOO de Galicia.

    26/08/2025.
    12 meses pola igualdade. Definicións do mes de agosto

    12 meses pola igualdade. Definicións do mes de agosto

    TRANSPARENCIA RETRIBUTIVA. Consiste na obtención de información suficiente e significativa sobre o valor que se lle atribúe a unha retribución, expoñendo con claridade os diferentes aspectos que determinan a retribución das persoas traballadoras, así como os seus elementos.

    Traballo de igual valor. Un traballo terá igual valor ca outro cando «a natureza das funcións ou tarefas efectivamente encomendadas, as condicións educativas, profesionais ou de formación exixidas para o seu exercicio, os factores estritamente relacionados co seu desempeño e as condicións laborais nas que as ditas actividades se levan a cabo en realidade sexan equivalentes» (artigo 28.1 do Estatuto das Persoas Traballadoras).

    A natureza das funcións ou tarefas é o contido esencial da relación laboral; as condicións educativas son as que se corresponden coas cualificacións regradas relacionadas co desenvolvemento da actividade; as condicións profesionais e de formación son aquelas que acreditan a cualificación da persoa traballadora, entre as cales se inclúen a experiencia e a formación non regrada relacionadas coa actividade e, por último, as condicións laborais e por factores estritamente relacionados co desempeño serán todos os demais, relevantes no desempeño da actividade.

    Rexistro retributivo. Configuración das percepcións, fiel e actualizada (ano natural), de todo o cadro de persoal, mediante unha elaboración documentada que inclúa «os valores medios e medianos dos salarios, os complementos salariais e as percepcións extrasalariais do cadro de persoal desagregados por sexos e distribuídos por cada grupo profesional, categoría profesional, nivel, posto ou calquera outro sistema de clasificación aplicable». Tamén se debe desagregar en atención á natureza da retribución, incluíndo salario base, cada un dos complementos e cada unha das percepcións extrasalariais, especificando de modo diferenciado cada unha delas.


    Máis información no documento anexo.