Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 1 Novembro 2025.

Homenaxe na Coruña a Paz Pena, ex secretario xeral da Unión Comarcal

    O pasado venres, a Unión Comarcal de CCOO da Coruña homenaxeou a José Luis Paz Pena, falecido durante a pandemia no ano 2020.

    19/11/2023.

    URL | C�digo para insertar

    Ao acto de homenaxe asistiron moitos compañeiros e compañeiras do finado, xunto a José Cristóbal González Triñanes, secretario xeral da Unión Comarcal de CCOO da Coruña e dirixentes do sindicato. A secretaria xeral do Sindicato Nacional, Amelia Pérez, interveu no acto a través dunha mensaxe gravada, por non poder asistir por compromisos na axenda.

    Un adeus que tivemos que imaxinar dende o confinamento

    Debido a que o pasamento de Paz Pena se produciu en plena pandemia, non se lle puido tributar no seu momento a homenaxe prevista.

    «No último congreso da Unión Comarcal acordouse que tiñamos unha débeda, e hoxe fomos quen de saldala», explicou Cristóbal González, para afirmar que: «Todo o que puidemos dicir do noso ex secretario xeral, compañeiro e amigo, era pouco para o que significou para nós Paz Pena»

    Á homenaxe asistiu a súa muller, Pilar, e os seus fillos, Martín e Amanda, aos que lles reiteramos unha aperta de todas e todos os que o quixemos e tanto o admiramos, ademais dos homes e mulleres das Comisións Obreira de Galicia.

    Falouse do Búfalo, do Pipas, de Xosé Luís… aínda que para a maioría foi simplemente Paz Pena.

    A homenaxe terminou coa colocación dunha placa na nosa aula de formación, que dende hoxe pasou a chamarse «sala de formación Paz Pena».

    Paz Pena

    José Luis Paz Pena (A Coruña, 1944-2020), xubilado de Alcoa-A Coruña, comezou a traballar moi novo nun hotel e, máis tarde, en Aluminios de Galicia. A conciencia social levouno a militar no MC e a se involucrar na loita sindical coas Comisións Obreiras, que aínda eran ilegais. A súa militancia política estivo vinculada ao PC e posteriormente a Esquerda Unida.

    O seu compromiso sindical sempre estivo ligado aos compañeiros da empresa e á Federación de Industria, amais de traballar activamente na Unión Comarcal de CCOO da Coruña, da que foi secretario xeral.

    Pola súa traxectoria e compromiso, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e a Fundación 10 de Marzo galardoárono en 2013 co Premio 10 de Marzo xunto a outros dous compañeiros, tristemente tamén falecidos, Xoaquín Álvarez Corbacho e Xan María Castro.

    Gracias a todas as persoas que se achegaron a participar nesta homenaxe, a intentar compensar a soidade coa que tivo que marchar en marzo do 2020.